O CONCELLO ORGANIZA UN CAFÉ CALCETA ESTE SÁBADO PARA CONMEMORAR O DÍA DA MULLER. PARTICIPARÁ UNHA VECIÑA QUE TRABALLA DE CAMIONEIRA

O Concello de Lourenzá organiza un café calceta este sábado, día 7, a partir das cinco da tarde no Torreón dos Frades para conmemorar o Día da Muller. Nesta actividade participará a veciña do municipio María Geada Díaz, que ten 58 anos de idade e traballa de camioneira.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “con motivo do Día da Muller, que se conmemora o próximo domingo, 8 de marzo, dende os Servizos Sociais do Concello de Lourenzá consideramos oportuno sumarnos, unha vez máis, ás celebracións dese día. Organizamos para o sábado día 7 ás cinco da tarde un café calceta no que contaremos coa presenza dunha veciña do noso concello, María Geada Díaz. É unha muller que é un exemplo de loita e de superación nun mundo considerado de homes ata hai moi pouco tempo. Ten 58 anos e leva parte da súa vida exercendo como camioneira. Polo tanto parécenos interesante que durante este café calceta, para o que convidamos a tódalas mulleres que queiran participar a que traian as súas labores, escoitar as vivencias desta muller que creo que representa ás mulleres que loitan por facerse un oco na sociedade día a día”.

A rexedora municipal engadiu que “ademais de mulleres coa calceta, ganchillo, bordado ou o que a persoa estime oportuno, tamén nos encantaría que algún home participase neste café acompañado da súa labor ou senón tamén serán ben recibidos. Pensamos en facer un café calceta para dalgunha maneira reivindicar o dobre papel que ten a muller. Neste acto ademais vamos falar entre nós e escoitar as vivencias dunha muller que loita por seguir día a día nun mundo ata hai pouco tempo considerado de homes. Polo tanto estaremos facendo dúas cousas a un tempo: calcetando, tomando un café coas amigas e escoitando as vivencias desta señora. Queremos reivindicar que as mulleres facemos o noso traballo na casa e ao mesmo tempo realizamos un traballo fóra igual de digno e igual de ben que calquera home. Polo tanto con este dobre uso que lle queremos dar a este café estamos poñendo en valor o traballo que moitas mulleres están facendo a día de hoxe, pero que veñen facendo dende hai moitos anos”.

Emma Álvarez rematou convidando “a todas as nosas veciñas e a aqueles veciños que queiran tamén pasarse por este café calceta a que se acerquen o vindeiro sábado, día 7, ás cinco da tarde ao Torreón dos Frades, no local que temos para Servizos Sociais. Serán ben recibidos e desta maneira tomaremos un café todos xuntos ao mesmo tempo que mostraremos as nosas labores e escoitaremos a unha profesional do volante que nos contarán as súas vivencias”.

O CONCELLO ORGANIZA UN CAFÉ CALCETA ESTE SÁBADO PARA CONMEMORAR O DÍA DA MULLER. PARTICIPARÁ UNHA VECIÑA QUE TRABALLA DE CAMIONEIRA