Lourenzá, 2 de xullo de 2015. O Concello de Lourenzá organiza un curso de técnicas de estudo para nenos e nenas de 10 a 14 anos de idade, que comezará o día 27 deste mes de xullo.
A alcaldesa, Rocío López García, anunciou que “para este verán o Concello de Lourenzá poñerá en marcha un curso de técnicas de estudo destinado a mellorar o rendemento escolar. Os destinatarios deste programa son os nenos e nenas de 10 a 14 anos. A duración do curso é de 15 horas repartidas en 3 días á semana (luns, mércores e venres) en sesións diarias de hora e media”.
A rexedora municipal engadiu que “o inicio do curso é o 27 deste mes de xullo e para anotarse os alumnos poderán pasar pola biblioteca municipal en horario de 5 a 8 da tarde. Con este curso o que se pretende é que os rapaces desenvolvan hábitos correctos que lles permitan á súa vez optimizar o rendemento á hora de estudar”.