O CONCELLO ORGANIZA UN PROGRAMA DE DINAMIZACIÓN DAS PARROQUIAS, QUE SE DESENVOLVERÁ DESDE FEBREIRO ATA MAIO. HABERÁ ACTIVIDADES DE NOVAS TECNOLOXÍAS, XIMNASIA DE MANTEMENTO, PILATES, MANUALIDADES E ARTES DECORATIVAS

O Concello de Lourenzá organiza un programa de dinamización das parroquias, que se desenvolverá desde febreiro ata maio. Haberá actividades de novas tecnoloxías, ximnasia de mantemento, pilates, manualidades e artes decorativas. O prazo de inscrición abriuse hoxe e rematará o 8 de febreiro.

Este programa está dirixido ao desenvolvemento de accións nas parroquias do Concello de Lourenzá co obxectivo de dotar aos seus e ás súas habitantes dunha maior e mellor oferta de actividades de formación, ocio e tempo libre. Realizaranse dous tipos de accións: oferta de actividades de lecer e formación e unha xuntanza con todas as persoas que participen no programa. O obxectivo é mellorar as relacións sociais das persoas do rural de Lourenzá como base para a súa participación social e o fortalecemento da comunidade.

O programa realizarase en tres parroquias do concello: San Xurxo, San Tomé e Santo Adrao. Está dirixido a persoas adultas, comezará a semana do 11 de febreiro e durará ata finais de maio. Ao remate do programa realizarase unha festa lúdica a modo de xuntanza con todas as persoas que participen no programa.

As persoas poderán inscribirse a un total de 5 cursos e os 3 máis votados serán os que se realicen. As actividades serán de balde para as persoas participantes e terán unha duración de 2 horas á semana cada un deles.

As inscricións poden realizarse desde hoxe, luns, ata o 8 de febreiro na biblioteca municipal de Lourenzá de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas.

Para esta iniciativa o Concello de Lourenzá conta coa colaboración da Deputación de Lugo.