O CONCELLO ORGANIZA UNHA VIAXE AO PARQUE ACUÁTICO DE CERCEDA PARA O 8 DE AGOSTO. PODERÁN PARTICIPAR NEN@S DE MÁIS DE SEIS ANOS E OS SEUS FAMILIARES. A INSCRIPCIÓN ESTÁ ABERTA ATA O DÍA 1

Lourenzá, 16 de xullo de 2014. O Concello de Lourenzá organiza unha viaxe ao parque acuático de Cerceda para o día 8 de agosto, venres. A actividade está dirixida a nenos e nenas de máis de seis anos e as inscricións poden levarse a cabo ata o día 1 de agosto na Casa do Concello en horario de mañá e na Biblioteca Municipal en horario de tarde.

A concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, adiantou que “dende o Concello vimos organizando unha das actividades estrela de cada verán que é esta visita ao Parque Acuático de Cerceda. Nesta ocasión vai ser o venres 8 de agosto e estará dirixida a nenos maiores de 6 anos e a tódolos familiares que os desexen acompañar nesa xornada. O prezo vai ser de doce euros por persoa, que estarán destinados a financiar o custe do autobús e as entradas para o propio parque acuático.”

Lupe Flórez recalcou que “tendo en conta o éxito do ano pasado, cando en poucos días se esgotaron as entradas ofertadas, esperamos que este ano se poida volver a repetir este tipo de xornada lúdico familiar, aínda que para poder levala a cabo estamos condicionados a poder completar as prazas necesarias para encher un autobús”. A actividade comezará coa saída as dez da mañá e finalizará co regreso previsto para as oito e media da tarde na Praza do Conde Santo, de Lourenzá. Os participantes irán acompañados de monitores do Concello pertencentes á area de deportes, como xa ocorreu na edición anterior.

Flórez explicou que “o prazo de inscrición xa está aberto e as peticións respectaranse por rigorosa orde de chegada. Tódalas persoas que estean interesadas nesta viaxe deben inscribirse antes do venres 1 de agosto e os lugares onde poden facelo van a ser de 08:00 a 15:00 horas nas oficinas do Concello e de 17:00 a 20:00 na Biblioteca”.