Lourenzá, 10 de maio de 2013. Na reunión da Comisión de Contas do Concello de Lourenzá celebrada hoxe aprobouse a liquidación económica do pasado ano 2012, que se pechou cun remanente positivo duns 150.000 euros. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, destacou que isto demostra que están dando resultado os axustes aplicados polo actual goberno local e polo anterior, que presidía Vidal Martínez-Sierra.
A rexedora municipal anunciou que na Comisión de Contas a aprobación da liquidación do ano 2012 “contou cos votos a favor dos 3 concelleiros do Partido Popular, coa abstención da concelleira do Partido Socialista e non houbo representación do Bloque Nacionalista Galego”.
Emma Álvarez explicou que “os dereitos recoñecidos ascenden en ingresos a 1.848.000 euros e en gastos a 1.537.000, polo tanto é un balance positivo, aínda que temos que ter en conta os ingresos que temos a día de hoxe pendentes de cobro e tamén, por suposto, os gastos pendentes de pago. Se temos en conta o presuposto cerrado quedaríanos un remanente de tesourería duns 426.506,14 euros. Non obstante a esta cantidade deberíamos restarlle eses ingresos que temos pendentes de cobro, e que é dubidoso, e entón quedaría un remanente positivo de aproximadamente duns 150.000 euros, que tal e como está a lei estatal teríamos que investir en amortizar débeda”.
A alcaldesa lembrou que o ano anterior “tivéramos un remanente negativo, polo tanto o resultado deste presuposto do ano 2012 é unha boa nova para o Concello de Lourenzá por ter un remanente positivo. Isto quere dicir que os axustes que estamos aplicando desde o equipo de goberno, primeiro con Vidal Martínez-Sierra e despois comigo na alcaldía están dando resultado”.