A concelleira Mercedes Dengra e a educadora familiar do Concello de Lourenzá, Dolores Villasuso, penduraron nas farolas da vila carteis conmemorativos do Día da Muller hoxe, venres.
A edil explica que “nesta ocasión as circunstancias impostas pola Covid obrígannos a adaptar as actividades programadas para o 8M. En anos atrás acostumamos facer un acto de recoñecemento a unha muller laurentina polo seu traballo e a súa traxectoria na vida. Este ano non podemos xuntarnos, pero aínda que sexa dende as nosas casas imos gritar ben alto e claro o gran valor que teñen as mulleres na humanidade. Para conmemorar o 8M saímos hoxe ás rúas para pendurar carteis conmemorativos do Día da Muller nas farolas da vila. Así mesmo a fachada do Concello iluminarase en lila ó longo destes días e ademais publicamos no facebook municipal o vídeo conmemorativo que fixemos o ano pasado en homenaxe á nosa veciña Neli Cajoto”.
Mercedes Dengra engadiu: “agardamos que estas mensaxes do 8M estean presentes nas conciencias e accións de todas as persoas, entidades e institucións día tras día, sempre, os trescentos sesenta e cinco días do ano”.