O CONCELLO PON EN MARCHA A SÚA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE XOGUETES EN COLABORACIÓN COA CRUZ VERMELLA. A RECOLLIDA FARASE NO TORREÓN DOS FRADES ATA O VENRES 19 DE DECEMBRO E ESE DÍA HABERÁ UNHA CHOCOLATADA NO CEIP JUAN REY

Os Servizos Sociais do Concello de Lourenzá puxeron en marcha a recollida de xoguetes para este Nadal 2014, en colaboración coa Cruz Vermella. Os veciños poderán facer as súas doazóns no Torreón dos Frades ata o venres 19 de decembro, día no que rematará esta campaña cunha chocolatada no CEIP Juan Rey.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, explicou que “un ano máis, dende o Concello colaboramos coa Cruz Vermella para recoller xoguetes usados, que se poderán entregar, por parte de toda aquela xente que queira facelo, no Torreón dos Frades ata o venres 19 de decembro. Estes xoguetes deberán estar en bo uso e, se é posible, non ser bélicos. Ademais, coma vimos facendo nos últimos anos por estas datas, o Concello e o colexio colaboran tamén nesta campaña, facendo partícipes aos nenos e as nenas na doazón de xoguetes, co fin de que todos os nenos da nosa comarca poidan gozar dun xoguete neste Nadal”.

Emma Álvarez engadiu que “con esta actividade pretendemos acadar varios obxectivo, entre eles educar en solidariedade, tomar conciencia de que tódolos nenos poden gozar dun agasallo e aprender a compartir. O feito de desprenderse dun xoguete reutilizable, pode supoñer unha ensinanza moi significativa para os nenos, posto que poden facer feliz a outro que é semellante”.

A rexedora rematou comentando que “o colexio e máis os Servizos Sociais do Concello queremos facer a entrega de xoguetes dunha forma lúdica. Será mediante unha chocolatada que se fará no CEIP o venres 19 a partir das 3 da tarde. Durante esa actividade os nenos entregarán os xoguetes para que a Cruz Vermella faga con eles o seu traballo e que, unha vez que estean preparados, poidan gozar deles os nenos de toda a comarca”.