O CONCELLO PON UN AUTOBÚS PARA QUE OS VECIÑOS POIDAN PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO QUE TERÁ LUGAR O 17 DE XULLO EN SANTIAGO

Lourenzá, 14 de xullo de 2015. O Concello de Lourenzá poñerá un autobús a disposición das persoas que desexen manifestarse o próximo venres, 17 de xullo, en Santiago de Compostela en defensa do sector lácteo. Os veciños interesados deben anotarse no Concello ata mañá, mércores, día 15 de xullo, “para saber con anterioridade de cantas prazas debemos dispoñer e, no seu caso, se se cubre o número de asistentes mínimo necesario para facer fronte ao gasto”, explicou a alcaldesa, Rocío López García.

O Concello de Lourenzá xa formalizou a súa adhesión á Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, constituída co impulso de Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego e na que están presentes representantes políticos e sociais, así como a Organización de Produtores Lácteos (OPL) e a Federación Rural Galega (FRUGA). A Plataforma quere chamar a atención da Xunta e do goberno central sobre a situación das granxas leiteiras galegas, os prezos por debaixo dos custos de produción aos que venden os gandeiros e a ameaza da industria de non recoller o leite.

Neste senso, a alcaldesa de Lourenzá manifestou o seu apoio a os produtores e a súa preocupación pola situación dos gandeiros do seu municipio: “o desmantelamento notorio que está a sufrir nos últimos meses o sector lácteo galego está a poñer en perigo a supervivencia de moitas explotacións leiteiras do noso rural. Moitas das explotacións galegas están nunha situación económica límite, ameazadas con deixar de recollerlles o leite, con prezos ruinosos en orixe e coa imposición nos contratos de condicións abusivas por parte das industrias. A confluencia de todos estes factores pon en perigo a supervivencia de moitas explotacións gandeiras e con iso as condicións de vida de moitas familias do rural que viven dun xeito directo ou indirecto da produción de leite”.

As granxas de Lourenzá non escapan, segundo a rexedora, das condicións precarias que denuncian outras explotacións galegas. “No municipio de Lourenzá son varias as explotacións que están empezando a notar as consecuencias da crise que está vivindo o sector. Algún gandeiro do noso municipio contábame como se están vendo na obriga de vender o leite a uns prezos que non cobren nin de lonxe os custos de produción, e ameazados con non recollerlles o leite”, explicou.

Rocío López amosou o seu convencemento de que o apoio aos gandeiros “é necesario para que todas as familias que viven directa ou indirectamente do sector do leite podan facelo dignamente”. 

Ver anuncio en formato pdf