No pleno extraordinario da corporación municipal de Lourenzá que se celebrará esta tarde trataranse as propostas da alcaldesa, Rocío López García, para reducir as indemnizacións por gastos de desprazamento dos concelleiros e a periodicidade das sesións plenarias da corporación, que se celebrarán cada dous meses ás oito tarde.
A rexedora explicou que os plenos ordinarios da corporación municipal convocaranse para o terceiro xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro ás 20 horas.
Tamén avanzou que as indemnizacións por gastos de desprazamento dos concelleiros no seu vehículo fixaranse en 0,19 euros por quilómetro, “polo que se rebaixan con respecto ao período anterior, cando era de 0,21 euros por quilómetro; agora serán igual que as que reciben por este concepto as traballadoras do servizo de asistencia a domicilio”, comentou Rocío López.
En canto ao nomeamento de representantes do Concello en órganos colexiados competencia do pleno, a proposta da alcaldesa é que na Fundación San Salvador sexa a propia rexedora e María Mercedes Dengra Sixto; no consello escolar do colexio, a alcaldesa e Manuel Arango Ron; na Mancomunidade de Municipios da Mariña, a rexedora e Francisco Dasilva Rivas; e no Grupo de Desenvolvemento Rural, a propia Rocío López e Miguel Castrillón Fernández.
Por outra parte, a alcaldesa ocuparase das áreas de Contas, Facenda, Desenvolvemento Económico, Persoal e Réxime Interno; o primeiro tenente de alcalde, Manuel Arango Ron, levará Educación, Cultura, Normalización Lingüística e Participación Cidadá; o segundo tenente de alcalde, Carlos Rivas Rivas, encargarase das delegacións de Obras, Urbanismo, Infraestruturas e Tráfico; Mercedes Dengra Sixto será a concelleira de Benestar Social, Sanidade, Emprego e Comercio; Francisco Dasilva Rivas ocuparase de Deporte, Xuventude e Festexos; e Miguel Castrillón Fernández será o delegado de Medio Ambiente, Desenvolvemento Rural e Patrimonio.