O CONCELLO SELECCIONA PERSOAL PARA CUBRIR DOUS POSTOS DE OPERARIOS DE SERVIZOS MÚLTIPLES

O Concello de Lourenzá vai proceder á selección de persoal para a cobertura de dous postos de operarios de servizos múltiples, concretamente un oficial de primeira de albanelería e un oficial de primeira de xardinería.

Anunciouno hoxe a alcaldesa, Rocío López, quen explicou que “os interesados deberán anotarse ó longo desta semana no Servizo Público de Emprego de Galicia nas categorías correspondentes, xa que a oferta será presentada nesta entidade. A contratación será por un período de 6 meses a xornada completa. Estes postos de traballo enmárcanse dentro do programa de subvencións para a contratación de traballadores e traballadoras desempregados ao abeiro da Orde do 14 de xullo de 2016, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural) para o ano 2016”.

A rexedora municipal destacou que “é importante apostar pola creación de emprego no noso municipio e favorecer así o asentamento de poboación no medio rural. Coa contratación destas dúas persoas o Concello pretende mellorar a prestación dos servizos básicos ó cidadán e reforzar o cadro de persoal no desenvolvemento das súas tarefas diarias. Isto permitirá traballar de xeito máis eficiente, dando maior cobertura no mantemento de espazos verdes, limpeza de rúas e pequenos traballos que requiren de coñecementos de albanelería. Esperamos así poder traballar de xeito máis eficiente de cara a resolver o máis rápido posible os requerimentos e necesidades propios do día a día do municipio, un problema co que nos atopamos habitualmente dado o pouco persoal que temos neste momento”.