O CONCELLO SOLIDARÍZASE COS GANDEIROS GALEGOS E PECHOU ÁS OFICINAS MUNICIPAIS HOXE DE 12 A 13 HORAS EN APOIO Á MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO CELEBRADA EN LUGO

O Concello de Lourenzá solidarízase cos gandeiros galegos e pechou as oficinas municipais hoxe, martes, de 12 a 13 horas como sinal de apoio á manifestación en defensa do sector lácteo celebrada en Lugo.

A alcaldesa, Rocío López, explicou que o Concello “sumouse así ao xesto seguido pola práctica totalidade dos comercios da vila, que pecharon tamén os seus establecementos. É de vital importancia concienciar á sociedade da gravidade do problema, xa que a grave crise que está a vivir este sector aféctanos a todos, non só os gandeiros. Por iso debemos sumar esforzos e implicarnos dende tódalas institucións para tentar buscar unha solución o máis rápida posible”.

A rexedora municipal engadiu que “en Lourenzá tamén existen explotacións gandeiras que se están vendo afectadas por esta situación crítica que esta a vivir o sector lácteo galego e que está a poñer en perigo a súa supervivencia. Dende o Concello mostramos o noso total apoio a todas estas familias que viven da gandería e que constitúen un activo de riqueza e posta en valor do noso rural”.

Rocío López diríxese así aos gandeiros, mostrando a súa “solidariedade con este colectivo e facendo fincapé na necesidade de unir forzas para tentar poñer solución a esta situación tan crítica”.