O Concello de Lourenzá ten aberto ata o 9 de setembro o prazo para que os fabeiros soliciten casetas para vender na XXVI Festa da Faba os días 1 e 2 do vindeiro mes de outubro.
A alcaldesa, Rocío López García, fixo público un bando no que explica que “con motivo da celebración da XXVI Festa da Faba, o Concello quere dar a posibilidade a tódolos produtores de faba que así o desexen de solicitar unha caseta dos fabeiros para poder expoñer e vender as súas fabas na Praza do Conde Santo os vindeiros 1 e 2 de outubro. Para iso ábrese un prazo de inscrición para que todos aqueles interesados poidan presentar a súa solicitude de 08:30 a 14:00 horas nas oficinas municipais”. A data límite é o 9 de setembro.
A rexedora engade que “á hora da adxudicación de ditas casetas teranse en conta os criterios de antigüidade (tendo prioridade os produtores que xa levan participando en anteriores edicións) e por orde de presentación das solicitudes. Deberase achegar copia do DNI da persoa titular así como o Código de Explotación Agraria en vigor no rexistro correspondente e a alta no Rexistro de Explotacións acollidas ao Réxime de Venda Directa, se é o caso”.