O CONSELLO DA XUNTA APROBA OS ESCUDOS E BANDEIRAS DOS CONCELLOS LUCENSES DE BEGONTE E LOURENZÁ

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos decretos polos cales se establece a conformación oficial dos escudos e as bandeiras dos concellos de Begonte e Lourenzá, ambos na provincia de Lugo.

O escudo de Begonte é de cor prata (branco) e no centro presenta unha vieira de ouro (amarelo) acompañada de cinco torres de goles (vermello), dous nos flancos e tres na punta. Sobre a venera hai unha faixa alzada, xadrezada en catro ordes de ouro e goles e cargada dun cinxidoiro de ouro. Ao timbre, coroa real pechada. A bandeira é sobre pano branco e ao terzo da asta reproduce en vertical a franxa xadrezada en catro ordes de ouro e goles e cinxidoiro dourado. Cara ao batente aparece a vieira dourada rodeada das cinco torres de goles.

Pola súa banda, o escudo do Concello de Lourenzá é de sinople (verde), cun báculo con veo abacial -todo ao natural-, resaltado de dúas espigas de ouro dispostas en haspa e flanqueado no xefe por dúas veneras de prata. Como no caso anterior, o escudo presenta unha coroa real pechada ao timbre. A bandeira tamén é en pano verde, co báculo e veo abacial resaltados por dúas espigas amarelas dispostas en haspa e flanqueado no alto por dúas vieiras brancas. Ao batente, terzado de amarelo.

 

O CONSELLO DA XUNTA APROBA OS ESCUDOS E BANDEIRAS DOS CONCELLOS LUCENSES DE BEGONTE E LOURENZÁ