O DÍA 21 DESTE MES EMPEZA UNHA NOVA EDICIÓN DO TALLER DE MEMORIA DIRIXIDO A MAIORES. OS INTERESADOS PODERÁN INFORMARSE SOBRE ESTA INICIATIVA O 15 DE OUTUBRO

O Concello de Lourenzá pon en marcha un ano máis o seu taller de memoria. A actividade dará comezo o martes 21 de outubro e os interesados xa poden achegarse aos Servizos Sociais Municipais, situados no Torreón dos Frades, para recibir información. Paralelamente, o goberno municipal organiza para o vindeiro día 15 deste mes ás 17:00 horas unha charla explicativa sobre todo o referente a este taller de memoria. No acto tamén participarán técnicos da Cruz Vermella para dar a coñecer a todos os maiores do municipio laurentino o seu Servizo de Teleasistencia Domiciliaria.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, indicou que “o martes 21 de outubro dará comezo o taller de memoria. Unha vez máis será impartido pola mesma profesional que en anos anteriores e haberá tres grupos. Serán os martes e os mércores: os martes de 16:30 a 18:00 ou de 18:00 a 19:30, e os mércores de 17:00 a 18:30. As persoas que estean interesadas por primeira vez en acudir ao taller de memoria deberán anotarse nos Servizos Sociais no Torreón dos Frades. Non obstante, todas as persoas que durante a edición anterior acudiron ao taller de memoria serán convocadas polos propios servizos para unha charla informativa que terá lugar o vindeiro 15 de outubro ás 5 da tarde”.

A rexedora engadiu: “trátase dunha charla informativa na que, ademais de falar de todo o que é o taller de memoria así como recoller suxestións e formular cousas novas para este curso 2014-2015, contaremos coa presenza da Cruz Vermella para explicar algo que eu considero de moito interese para tódalas persoas maiores. Falarán sobre o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria. Parécenos importante que a xente maior, e sobre todo a que vive soa, coñeza este servizo e tome en consideración acceder a el ou non. Esta conferencia será aberta para tódolos maiores do noso concello e non só para a xente que está no taller de memoria”.