O ENXEÑEIRO DE MONTES E PROFESOR JESÚS SÁNCHEZ ROCHA FALOU SOBRE A SITUACIÓN ACTUAL E O FUTURO DO SECTOR FORESTAL NA CHARLA ORGANIZADA POLO CONCELLO

Lourenzá, 23 de decembro de 2013. Na charla organizada polo Concello de Lourenzá para este mes de decembro, que se celebrou o xoves da semana pasada, o laurentino Jesús Sánchez Rocha, que é enxeñeiro de Montes e profesor de Industrias Forestais na Escola Politécnica Superior de Lugo, falou sobre a situación actual e o futuro do sector forestal.

Jesús Sánchez Rocha explicou que nos últimos anos as cortas de eucalipto na zona norte de Galicia aumentaron nun 35 por cento e prevé que a produción desta especie medrará nun 30 por cento aproximadamente ata 2025. Tamén comentou que o castaño ten futuro explotando o seu froito, pois a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia estima que os beneficios dunha hectárea de castaños son de 6.000 euros ao ano, polo que pode ser unha alternativa rendible.