Lourenzá, 13 de xuño de 2013. O equipo de goberno levará a pleno unha moción para instar á Deputación de Lugo a que conceda de novo unha subvención de 4.000 euros á festa da faba, tal e como viña facendo desde o 2007, pero que o ano pasado se viu reducida a 1.000 euros.
A portavoz do goberno municipal, Lupe Flórez, dixo que “atopámonos inmersos no deseño da programación da tradicional festa da faba, que chegará neste 2013 á súa 23 edición. As datas de celebración serán os días 5 e 6 de outubro. É unha festa que conta coa distinción de interese turístico galego por parte da Xunta de Galicia”.
A edil popular subliñou que “a cita supón un dos eventos máis relevantes do noso concello polo volume de asistentes e pola calidade das distintas actividades que se programan para facer desta unha das celebracións máis nomeadas da comarca e nos últimos anos vimos constatando tamén a súa importancia en Galicia e noutras comunidades limítrofes, como pode ser o caso de Asturias. Ano a ano rexistramos a presenza de visitantes de puntos cada vez máis diversos”.
Lupe Flórez lembrou que “desde o ano 2007 percibiamos unha subvención de 4.000 euros que nos aportaba a Deputación Provincial de Lugo, a través do Inludes. Era unha axuda que se viña consignando de xeito nominativo e na edición de 2012 se viu reducida a 1.000 euros. A nosa proposta é que o pleno municipal inste á Deputación Provincial a manter e a garantir a continuidade da axuda de 4.000 euros que nos viñan prestando para que a nosa festa da faba siga a brillar e a destacar ano a ano”.