- Mayra García Bermudez, Rocio López García, Manuel Arango Ron e o artista Ignacio Castro “Nachok“, presentaron o programa desta cita, que se celebrará dende o 29 de setembro ata o 1 de outubro, na Praza do Conde de Fontao da vila
- A Deputada remarcou que o organismo provincial promove esta cita “no marco do Plan Estratéxico de Turismo, na nosa aposta pola promoción dos produtos autóctonos, como un factor de singularidade turística, capaz de atraer visitantes e xerar riqueza”
- A rexedora avanzou o programa no que haberá degustacións de fabas, música, carreira popular, xogos infantís, tren turístico, xuntanza folclórica ou catas de viños
- A pregoeira desta edición será Gema Iglesias Recalde, a primeira Presidenta do Consello Regulador da Faba de Lourenzá
A Deputada de Economía, Mayra García Bermudez, a alcaldesa de Lourenzá, Rocio López García, o Concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron e o autor do cartel da festa, Ignacio Castro “Nachok”, presentaron este martes no Salón de Plenos da vila a XXVII Edición da Festa da Faba de Lourenzá, un produto de primeira categoría e que conta con IXP, que se celebrará dende o 29 de setembro ata o 1 de outubro. O Goberno da Deputación colabora con esta cita con preto de 5.000 euros.
García Bermudez avanzou que o Goberno da Deputación contribúe á promoción dafaba de Lourenzá no marco do seu Plan Estratéxico de Turismo da provincia, que define a promoción dos produtos autóctonos dos Concellos lugueses, como un factor de singularidade turística, capaz de atraer visitantese xerar riqueza na provincia.
A Deputada remarcou a importancia da celebración deste tipo de eventos na Comarca da Mariña Lucense, xa que contribúen de xeito decidido a incentivar ás nosas Comarcas e as nosas vilas. Ademais subliñou que a faba de Lourenzá conta co distintivo de IXP (Indicación Xeográfica Protexida), unha indicativo que da conta da súa calidade e do seu prestixio.
A rexedora convidou a todos os visitantes a achegarse a Lourenzá nestas datas e dar boa conta da calidade dos produtos gastronómicos da Mariña, e principalmente da faba Lourenzá. Tamén avanzou o programa no que destacou que a pregoeira desta edición será Gema Iglesias Recalde, a primeira presidenta do Consello Regulador da Faba de Lourenzá. Ademais os visitantes poderán desfrutar de degustacións de receitas con fabas nos establecementos da localidade, música, carreira popular, xogos infantís, tren turístico, unha xuntanza folclórica ou catas de viños.
Rocio López remarcou que todos os que se acheguen á vila nestas datas poderán coñecer tamén o Centro de Interpretación da Faba, que xestiona o Concello, que conta con todo o relacionado con esta legume que é un autentico manxar.
Un produto de primeira calidade con IXP
A faba de Lourenzá, conta con IXP (Indicación Xeográfica Protexida), está considerada entre as de maior calidade de todas cantas se producen na Península Ibérica. Esta legume conta cunha peculiaridade queé a de absorber o sabor como ningunha, ademais, unha vez cociñada, queda cremosa e suave como poucas. Son de gran tamaño, entre 19 e 26 mm., e cun peso entre 0,8 g. e 1,2 g. por unidade.
A semente, deste produto de primeira calidade, realizase entre os meses de maio e xuño, con semente certificada e a recolección realízase desde finais de agosto a finais de novembro, aínda que se poden atopar nos mercados durante todo o ano.
Programa
Venres, 29 setembro
18:30 Inauguración do Stand do Concello Invitado: Muxía (Sala de exposicións).
19:00 A compañía Teatro do Morcego representa a obra Presidente (Salón de actos).
20:30 Cata comentada de viño a cargo da adega Lar de Ricobao da D.O. Ribeira Sacra (Centro de Interpretación da Faba).
Animarán as rúas a Charanga Aires do Padornelo
Sábado, 30 setembro
11:00 Apertura da XXVII Festa da Faba.
Casetas de fabeiros (Praza Conde Santo)
Stand institucional invitado: Concello de Muxía (Sala de exposicións).
Demostración e exposición de artes (Cantón, Praza César Chavarría e rúas da vila).
Feira exposición de automoción e vehículos agrícolas (Campo dos Bolos).
11:30 Pasarrúas con Gaita Escola Mondoñedo.
12:00 Pregón a cargo da laurentina Gema Iglesias Recalde, primeira presidenta do Consello Regulador da Faba de Lourenzá (Praza Conde Santo).
Inauguración oficial da XXVII Festa da Faba pola Alcaldesa-Presidenta do Concello de Lourenzá, Rocío López García (Praza Conde Santo).
13:30 Degustación popular da faba de Lourenzá (Praza Linares Rivas).
Viños da adega Lar de Ricobao de Quiroga (D.O. Ribeira Sacra).
Ameniza Gaita Escola Mondoñedo.
17:00 Actividades e xogos infantís.
21:00 Concerto do grupo folk Treixadura (Campo dos Bolos).
Verbena co grupo Lembranza (Cantón).
Domingo, 1 de outubro
08:30 Apertura do mercado das fabas de venda ao por maior (Mercado Comarcal).
10:00 Apertura das casetas dos fabeiros (Praza Conde Santo).
10:00 VIII Carreira popular Val da fabas (Cantón).
10:00 Carreira menores.
11:00 Carreira adultos.
11:00 III Vespafaba&Clásicos (Fernández del Riego).
11:00 Trofeo Festa da Faba fútbol cadete: Excavacións Ramsei (Lourenzá) – Polvorín (Lugo), no Campo de Santa Cruz.
11:00 Inicio das distintas actividades da Festa da Faba.
13:00 Sesión Vermú: Charanga Santa Compaña.
13:30 Degustación popular da faba de Lourenzá (Praza Linares Rivas).
17:00 Pasarrúas a cargo da Charanga Santa Compaña.
17:30 Trofeo Festa da Faba de Fútbol; Augacons(Lourenzá) – Folgueiro (Vicedo).
18:30 Xuntanza folclórica organizada pola Asociación Cultural Osorio Gutiérrez coa participación da Banda de Gaitas Marino-Tapiega de Tapia de Casariego (Prazas Conde Santo e Linares Rivas).
Durante estes días de festa un Tren turístico levará aos veciños e visitantes a visitar a Ruta das Fabas. Ademais os establecementos hostaleiros de Lourenzá ofrecerán tapas de fabas durante os días da Festa.