O GOBERNO LOCAL LEVA A UN PLENO DA CORPORACIÓN QUE SE CELEBRARÁ ESTE XOVES A PETICIÓN DE MELLORAS NO SERVIZO DE CORREOS E QUE O XULGADO DE PAZ MANTEÑA AS FUNCIÓNS DE REXISTRO CIVIL

A corporación municipal de Lourenzá celebrará un pleno extraordinario este xoves, día 16, ás dez da mañá. Na sesión tratarase unha moción do goberno local para solicitar melloras no servizo de Correos que se ofrece no municipio e outra na que piden ao Ministerio de Justicia que o Xulgado de Paz de Lourenzá manteña os servizos e funcións de rexistro civil.

A portavoz do equipo de goberno, Lupe Flórez Seivane, explicou que unha das iniciativas é sobre “a perda de servizos que dende Correos tivemos nos últimos temos, reducíndose o persoal de reparto así como o horario de atención e de apertura na oficina que temos no noso concello. Sendo conscientes desta perda de servizos e da calidade dos mesmos para os nosos veciños vamos propoñerlle ao pleno municipal un acordo consistente en tres puntos: o primeiro deles fai referencia á contratación dun empregado de apoio para realizar o reparto de correo polas parroquias que conforman o val de Lourenzá; o segundo punto é sobre o incremento no horario de atención ao público na oficina de Correos situada na parroquia de Santa María; e o terceiro punto refírese á informatización das operacións na oficina actual para facilitarlles aos veciños a realización de xestións que a día de hoxe non poden levar a cabo na mesma, polo que deben desprazarse a concellos veciños para poder facelas, é o caso de certificados, pago de multas e sancións, envíos contrareembolso, xiros de efectivo, etcétera”.

Lupe Flórez comentou tamén que a segunda moción presentada polo goberno local para a sesión plenaria deste xoves “fai referencia á aplicación da lei 20/2011, do 11 de xullo, do Rexistro Civil e sendo conscientes do que as modificacións desta lei vai supoñerlle ao actual Xulgado de Paz de Lourenzá, tendo en conta tamén a dispersión poboacional do noso concello e do avellentamento da mesma e, polo tanto, das dificultades que o afastamento destes servizos suporá para os nosos veciños. Polo tanto tendo en conta todo isto imos solicitarlle á corporación municipal que acorde solicitarlle ao Ministerio de Justicia que adopte o mantemento dos servizos e funcións rexistrais civís no concello de Lourenzá a través do Xulgado de Paz que xa existen na actualidade, sen prexuízo de considerar a nova natureza administrativa do rexistro civil”.