O GOBERNO MUNICIPAL NON CONSIDERA ACERTADO PECHAR O CENTRO DE SAÚDE LOCAL, O QUE LLE COMUNICAN AO SERGAS PARA QUE O TEÑA EN CONTA

O goberno municipal de Lourenzá non considera acertado o posible peche do centro do centro de saúde local, o que lle comunican ao Sergas para que o teña en conta.

A alcaldesa, Rocío López García, fixo público un escrito no que explica que “tras os rumores destes días dun posible peche dos centros de saúde de moitos concellos e do posible traslado dos seus pacientes aos principais centros de referencia da comarca, o goberno municipal de Lourenzá pon de manifesto o seguinte: considerando que estamos nunha situación de alerta que obriga a tomar medidas excepcionais, debemos ter en conta que todas elas van encamiñadas a evitar a expansión do virus do COVID-19, polo que consideramos que o peche do centro de saúde non é a medida máis acertada posto que obrigará a toda a poboación a concentrarse en centros máis masificados o que aumenta o risco de contaxio. Así mesmo debemos ter en conta que persoas dependentes con enfermidades crónicas, etcétera son o grupo máis vulnerable e os que teñen máis dificultades para desprazarse a outra localidade”.

A rexedora municipal de Lourenzá engade: “ante isto dirixímonos ao SERGAS para que teñan en conta estas consideracións á hora de tomar calquera decisión e agardamos que nos comuniquen á maior brevidade posible calquera cambio referente ó centro de saúde de Lourenzá, así como os motivos que xustifiquen a toma de calquera decisión dese tipo”.