O coñecido grupo teatral Chévere representa As Fillas Bravas este sábado, día 18, ás 20 horas no salón de actos do Concello de Lourenzá, que organiza esta actividade coa colaboración da Deputación de Lugo. A entrada é gratuíta con aforo limitado.
O elenco desta obra de Chévere está formado por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar.
Chévere explica que “as fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta, como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos”.
Con esta peza Chévere “segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you). Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados”.