O PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL APROBOU A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA PARA RECUPERAR O MERCADO DAS PRAZAS. A ALCALDESA PREVÉ QUE O PRIMEIRO POIDA CELEBRARSE EN XUÑO

O pleno da corporación municipal de Lourenzá aprobou a modificación da ordenanza reguladora da venda ambulante para poder recuperar o Mercado das Prazas. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, prevé que o primeiro desta nova etapa poida celebrarse en xuño.

A rexedora municipal explicou esta mañá que “no de día de onte celebrouse un pleno extraordinario no que o punto principal era o sorteo público para a elección dos membros das mesas para as eleccións municipais, que é o motivo polo que se celebrou esta sesión. E aproveitamos para propoñer dende o grupo de goberno a modificación da ordenanza reguladora da venda ambulante nos mercados para adaptala e así poder celebrar os Mercados das Prazas, que temos previsto facer nos vindeiros meses. A idea é que, despois de publicarse esta modificación da ordenanza, aproximadamente polo mes de xuño poidamos celebrar xa o primeiro Mercado das Prazas”.

Emma Álvarez especificou que “nestes mercados periódicos dominicais soamente se vai permitir vender produtos da horta ou agrícolas, todos eles colleitados na comarca onde se integra Lourenzá, preferentemente do noso concello. Tamén terán cabida neste mercado produtos alimentarios de calidade resultantes dalgunha transformación artesanal; e ademais aqueles outros que, aínda que non sexan de alimentación, resulten dun traballo artesanal feito en Lourenzá ou nas zonas limítrofes. Ademais permítense pequenos animais domésticos, sempre e cando se cumpra a normativa vixente. Outro dos puntos modificados na ordenanza é o relativo aos stands, que serán facilitados polo propio Concello de Lourenzá. Tamén establecemos os días que se vai celebrar o mercado: será o primeiro e o terceiro domingo de cada mes. E o horario será de 9 da mañá a 2 da tarde. As persoas que queiran ser titulares dos postos terán que presentar no Concello o anexo 1 da ordenanza cuberto e o requisito principal é estar dado de alta na Seguridade Social no réxime correspondente e estar tamén legalmente establecido, segundo a regulación e lexislación aplicable. Establecemos prioridade para acceder aos postos no mercado a aquelas explotacións sitas no propio concello e nestes stands venderanse produtos colleitados ou feitos na nosa comarca. E poñemos unha pequena limitación, xa que soamente poderá haber 5 stands do mesmo produto; o que queremos con isto é que haxa variedade, porque consideramos que desta maneira o mercado resultará máis atractivo e así serán máis as persoas que se acheguen a Lourenzá. Isto quere dicir que se hai 10 stands non poden ser todos de fabas, nin de mel, nin de produtos de horta, nin de zocas, por exemplo. Gustaríanos que foran variados e por ese motivo poñemos esta cláusula”.

A alcaldesa engadiu que “as persoas que queiran vender no mercado, aparte de anotarse unha que vez saia publicada esta modificación da ordenanza, terán que estar ao día coa normativa que lles corresponda ter a cada un deles. A asignación dos postos será por concorrencia competitiva e será o Concello o encargado de asignar os distintos stands. As persoas que sexan do concello de Lourenzá terá a titularidade permanente dos postos e os que veñan de fóra poderán telo como máximo por un ano, podendo optar á reelección para o seguinte ano se non se presentan outros produtores que teñan máis puntuación. Á hora de asignar estes postos terase en conta en primeiro lugar a data de solicitude; en segundo, o lugar de enclave da explotación; e en terceiro lugar, o xénero ou as variedades que se van comercializar. As persoas que sexan adxudicatarias dos stands terán que cumprir unha serie de normas, entre elas asistir a todos os mercados e soamente se vai permitir que deixen de facelo tres veces seguidas ou catro alternativas sen xustificación. Desta maneira o que pretendemos é que a xente que por algunha causa de forma maior non poida vir un domingo ao mercado que avise no Concello para que se poida cubrir o seu sitio con outro produtor que estea en lista de espera. Os produtores terán que montar estes stands, que son moi fáciles de instalar e que lles serán entregados por persoal do Concello o mesmo día unha hora antes de que se inicie o mercado”.

A rexedora rematou comentando que “o Concello ten a obriga de garantir o asentamento deste mercado e por iso ten que facer todas cantas medidas estean na súa man para facer posible que volva rexurdir o Mercado das Prazas co mesmo esplendor, ou polo menos algo parecido, que tiña en antano. Hai que ter en conta que desta maneira estamos promocionando eses excedentes de produción agraria e tamén a vida no noso concello, posto que con esta medida non soamente os produtores van poder ter beneficios senón que tamén consideramos que as persoas que veñan mercar á vila tamén irán aos comercios e aos bares e restaurantes do pobo. Consideramos así que esta é unha maneira de dinamizar o concello de Lourenzá e esperamos pois que haxa moitos interesados e unha vez que teñamos estes stands cubertos que sexa necesario facer outros máis, porque estes sexan poucos”.