O PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL TRATARÁ MAÑÁ UNHA PROPOSTA DA ALCALDÍA PARA BAIXAR AS TARIFAS DO SUBMINISTRO DE AUGA E SANEAMENTO

O pleno da corporación municipal de Lourenzá, na sesión ordinaria que se celebrará mañá, martes, ás 20:30 horas, tratará unha proposta da Alcaldía para baixar as tarifas do subministro de auga e saneamento.

A rexedora municipal, Rocío López, explicou hoxe que “o Concello de Lourenzá aplicará unha baixada nas tarifas da Ordenanza Fiscal Reguladora da Taxa polo Servizo de Subministro de Auga e Saneamento. Logo dunha reunión cos responsables da empresa Espina y Delfín S.L., encargada do servizo de augas do concello, chegamos a un acordo que supón unha redución do 60 por cento do canon anual municipal. Esta baixada, unida á do 0,40 do I.P.C para o ano 2016, supón para o cidadán unha redución das tarifas nun 10,69 por cento. Somos conscientes das graves dificultades económicas que atravesan moitos dos veciños e veciñas de Lourenzá e por iso decidimos suavizar a presión fiscal nun ben de primeira necesidade como é a auga. O lixo e auga son dúas das materias pendentes do anterior goberno nas que é preciso actuar. Esta redución impulsada polo Concello permite que o pago do recibo da auga sexa máis accesible economicamente para o cidadán, sempre mantendo a calidade na prestación do servizo”.

No pleno de mañá a corporación laurentina tamén abordará a aprobación dun convenio de colaboración para a xestión conxunta do servizo de limpeza de vías públicas non urbanas dos concellos de Trabada e Lourenzá. Sobre este asunto a alcaldesa explicou que “os concellos de Lourenzá e Trabada veñen prestando de maneira conxunta dende hai anos o servizo de limpeza de vías municipais, que inclúe desbroce e limpeza de cunetas e zonas de afección das vías públicas non urbanas e ven prestándose de xeito continuado dende o ano 1994, sen existir ningún convenio de colaboración que regule a xestión deste servizo. Ante esta situación os concellos de Lourenzá e de Trabada acordamos a redacción dun convenio de colaboración que recolle a xestión conxunta deste servizo e dá unha maior seguridade xurídica que a situación actual”.

 Descargar convocatoria en PDF