O pleno extraordinario da corporación municipal de Lourenzá que está convocado para mañá, xoves, ás 10 da mañá tratará a ampliación da área de rehabilitación integral (ARI) a todo o casco urbano. Na sesión tamén se abordará a creación dun viveiro municipal de cooperativas agrarias.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “será o penúltimo pleno deste mandato municipal e trátase dunha sesión de carácter extraordinario que tivemos que facer para aprobar a ampliación do ARI. Saíu un programa do Ministerio para rexeneración e renovación urbana do plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, rehabilitación edificatoria e rexeneración e renovación urbana. Dende o Concello de Lourenzá acollémonos a este programa para aprobar a posible ampliación, que nosoutros barallamos, e tamén para consolidar o ARI que temos a día de hoxe. É necesario levalo a pleno, polo cal tivemos que facer esta sesión extraordinaria. Con esta proposta que facemos de validación e ampliación da área rehabilitación integral o que pretendemos é que todo o casco urbano quede incluído dentro deste programa e deste xeito todas as vivendas que están no casco urbano poderían acollerse a este tipo de subvencións”.
Emma Álvarez engadiu que no pleno de mañá, xoves, tamén se debaterá “un regulamento para a creación dun viveiro municipal de cooperativas, que se asentaría na antiga lonxa agrícola, que no anterior pleno foi desafectada como lonxa e quedou como un ben patrimonial de carácter agrario. Isto foi o que nos levou a pensar que a mellor utilización para este inmoble sería facer un viveiro de cooperativas agrarias, para que aquelas que xa existen ou poidan existir no noso concello teñan un apoio por parte Concello non seus primeiros anos de vida para que boten a andar e ata que xa sexan capaces por si mesmas de levar a cabo todas as accións e tamén poder dispoñer de locais propios”.
A alcaldesa comentou ademais que “neste mesmo pleno tamén van dúas mocións do Partido Popular: unha na que instamos á Sociedad Estatal de Correos y Telégrafos a que mellore o servizo que está ofertando a día de hoxe no noso concello; e outra na que instamos ao Ministerio de Justicia a que manteña os servizos e as funcións rexistrais civís que temos a día de hoxe no xulgado de paz de Lourenzá”.