Lourenzá, 8 de agosto de 2013. A corporación municipal de Lourenzá tratará no pleno que se celebrará o día 16 deste mes unha moción para aprobar o establecemento dunha partida anual de 200 euros do Concello destinada á sociedade Hijos de Lorenzana en La Habana. Anunciouno hoxe a concelleira de Cultura e portavoz do goberno municipal, Lupe Flórez Seivane.
A edil popular explicou que “desde o equipo de goberno de Lourenzá vimos de presentar unha moción para levar ao pleno ordinario do vindeiro 16 de agosto, relativa á axuda económica que tradicionalmente se lle viña prestando á sociedade Hijos de Lorenzana en La Habana (Cuba). O argumentario principal radica en dous feitos fundamentais: a lonxevidade e as actividades que ven realizando dita asociación e o feito de que este colectivo e os membros que a el pertencen foron nomeados fillos predilectos de Lourenzá no ano 1912. Cremos que é de xustiza reverterlles toda a axuda que eles, cando Cuba era unha potencia económica, trouxeron aos seus veciños laurentinos; e agora que a situación é a contraria queremos manter dita axuda para as actividades cotiás”.
Lupe Flórez manifestou que “para nós é unha cantidade pequena, pero para eles significa moito. Será o establecemento dunha partida de 200 euros anuais, máis o incremento do IPC, encamiñada a manter as actividades que a asociación ven realizando na actualidade”. A sociedade Hijos de Lorenzana en La Habana conta con 290 membros.
“Eses cartos iran destinados ao coidado do panteón Hijos de Lorenzana, onde repousan os restos de cada un dos asociados falecidos e que posteriormente se gardan nun osario común. E tamén para a realización de diversas actividades que contribúen a manter a memoria histórica ao outro lado do Atlántico, entre as que destacan o Día das Letras Galegas, o Día do Emigrante ou as festas do Conde Santo, as patronais de Lourenzá. Esta última ten un carácter máis emotivo e máis lúdico e séguese a celebrar desde da fundación da asociación, no ano 1911”, engadiu a concelleira de Cultura.
Flórez lembrou que no século pasado os emigrantes laurentinos en Cuba enviaron o diñeiro para a construción de varias escolas no municipio: “tiñan previsto construír catro, unha en cada parroquia, pero finalmente só se fixeron a de O Castro, en San Adriano, e a de Alaxe, en San Xurxo; grazas a esa axuda e a esas escolas moitos nenos aprenderon a ler e a escribir”.