O PRESUPOSTO MUNICIPAL PARA ESTE ANO SOMETERASE A APROBACIÓN NUN PLENO DA CORPORACIÓN CONVOCADO PARA ESTE VENRES, DÍA 20

O presuposto do Concello de Lourenzá para este ano 2015 someterase a aprobación nun pleno ordinario da corporación municipal convocado para este venres, día 20, ás 12:30 horas. A proposta do goberno local ascende a 1.700.000 euros.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que onte, luns, celebrouse unha reunión da comisión municipal de Facenda “para informar o presuposto do Concello para este ano 2015, que se debaterá o vindeiro venres, día 20, no pleno ordinario. A esta comisión non asistiron os concelleiros da oposición. Este presuposto, que previsiblemente se aprobará o vindeiro venres, ten por montante 1.700.000 euros”.

Das partidas que figuran nesta proposta de orzamento a rexedora municipal destacou “os 185.000 euros para servizos sociais e os 104.500 para deportes, e nesta partida temos que facer fincapé en 41.000 euros de investimento para poñer un teito ao ximnasio municipal e tamén se vai mellorar o campo de fútbol para adaptalo á normativa vixente. Por outro lado, como novidade, sacamos unha orde de axudas en concorrencia competitiva para asociacións deportivas do noso concello por un montante de 6.000 euros”.

Emma Álvarez engadiu que “unha partida da que os cidadáns non son conscientes da súa contía é a do lixo, xa que leva unha porcentaxe bastante alta deste presuposto, pois son concretamente 137.000 euros. Tamén hai outra cuestión que nos afecta a este presuposto, de 1.700.000 euros, que é pequeno: trátase dunha partida de 40.000 euros, que aínda que pareza pouco é moito, que dentro do gasto corrente está dedicada a cumprir unha sentenza xudicial que nos obriga a derrubar unha parte da fachada e unha cornixa dun edificio que está construído no casco urbano. Esta sentenza obriga ao seu propietario pero como este non o fai o Concello, subsidiariamente, ten a obriga de facelo e nos próximos días dará conta desta sentenza, unha vez estea aprobado o presuposto”.

A alcaldesa tamén salientou que “outra partida importante vai para educación; son 107.000 euros, dos que a parte máis importante é para o Punto de Atención á Infancia e tamén para o colexio. Estamos desexando que, dunha vez por todas, asuman estes gastos dende a Consellería de Educación. É importante tamén o investimento para a rede viaria, xa que están presupostados 161.263, 83 euros e nesta partida inclúense as obras do POS e do plan Marco, pero tamén damos conta dun inventario de camiños que prendemos realizar pois consideramos que é moi importante para o noso concello”.

Descargar Orde do Día do Pleno (PDF)