Lourenzá, 19 de febreiro de 2013. O horario do punto limpo do Concello de Lourenzá cambiou de horario dende onte. Segue estando aberto ao público os luns, mércores e venres pola mañá, pero antes era de 9 a 13 horas e agora é de 10 a 14 horas. Tamén hai un novo número de teléfono de referencia, no que se atende polas tardes cando hai chamadas dalgún interesado os mesmos tres días da semana de 15 a 19 horas e agora o número é o 628.16.41.70.
O goberno municipal explicou que fixeron esta modificación “para adaptar o traballo do persoal municipal para facelo máis efectivo”.
O equipo de goberno tamén deu a coñecer que o pasado xoves foron instalados recipientes para depositar o aceite doméstico en tres puntos do concello: na praza Conde Santo, ao lado dos colectores soterrados que xa existían; en Avelino Montero Villegas, tamén ao lado dos colectores soterrados; e no Campo da Feira, xusto ao lado do albergue de peregrinos.
A alcaldesa, Emma Álvarez, lembrou que “o aceite usado debe ir nun recipiente de plástico pechado: pode ser un bote, unha botella ou outro envase axeitado. Contamos con isto reducir o peso do lixo nos colectores xenéricos e con esta medida, que foi promovida pola Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense e que se leva a cabo en tódolos concellos da comarca, o que queremos conseguir é reducir custos e ao mesmo tempo ser máis sensibles co medio ambiente”.