O RECINTO FEIRAL ACOLLERÁ O PRIMEIRO MERCADO DE NADAL OS DÍAS 14 E 15 DESTE MES ORGANIZADO POLO CONCELLO E ACIAL. HABERÁ 30 POSTOS, ACTIVIDADES PARALELAS E O SORTEO DE 500 EUROS EN VALES DE COMPRA

Lourenzá, 5 de decembro de 2013. Os días 14 e 15 deste mes, sábado e domingo, o recinto feiral de Lourenzá acollerá o primeiro Mercado de Nadal organizado polo Concello e pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL). Haberá 30 postos de empresarios locais, actividades paralelas e o sorteo de 500 euros en vales de compra.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que esta iniciativa “faise co obxecto de dinamizar o comercio e tamén todo o relacionado coa hostalería e outros sectores do noso concello. Non soamente vai haber 30 postos de téxtil, artesanía, viveiros, fabeiros, horta, automoción e electricidade colocados en casetas decoradas con adornos típicos do Nadal, senón que a maiores haberá unha ruta de tapas polos bares do concello. E faranse paralelamente distintas actividades como un obradoiro de xoguetes, xogos populares e a entrega de 500 euros en vales de compra (cinco vales de 100 euros) que se sortearán o sábado 14 ás dez da noite. Animamos a todas as persoas que compran en Lourenzá, porque as papeletas danse aos que estes días están comprando no noso comercio, a que veñan a esta cita e desta maneira poderán ser obsequiados con algún dos cinco vales de 100 euros”.

A rexedora municipal engadiu que “é unha oportunidade de que xente de fóra veña ao concello non soamente atraídos polo Mercado de Nadal senón tamén para coñecer os distintos atractivos turísticos que ten o municipio, como poden ser a nosa igrexa, o museo de arte sacra ou a nosa fermosa natureza”.

O secretario da asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá, Roberto Díaz Expósito, comentou que o Mercado do Nadal faise “para dinamizar o comercio de Lourenzá e participarán socios de ACIAL e outros comerciantes e autónomos do concello de Lourenzá que non están na asociación. Temos téxtil, electricidade, artesanía, fabeiros, viveiros, … Está representado todo o comercio do noso concello e haberá importantes gangas para que a xente se anime a vir. E aproveitando o mercado o sábado ás 10 da noite vamos facer un sorteo de 500 euros en vales de compra para gastar no comercio de Lourenzá. Os nosos asociados xa están repartindo papeletas para participar nese sorteo entre os clientes que compran nos seus establecementos. No mercado tamén teremos pulpería, xogos populares, obradoiros de xogos, bailes rexionais e nos bares da vila vai haber unha ruta de tapas o sábado de 12 do mediodía a tres da tarde e de 19 a 22 horas e o domingo de doce a tres da tarde”.

Roberto Díaz rematou animando “a toda a xente a que veña a participar no Mercado de Nadal o 14 e 15 de decembro”.