O RESTAURANTE LA UNIÓN CO ANTOXO DO APÓSTOLO GAÑOU O CONCURSO DA RUTA DE TAPAS DA FESTA DA FABA. O SEGUNDO PREMIO É PARA O CAFÉ BAR CANTÓN CON FABAS Á CANTONADA E O TERCEIRO LOGROUNO O BAR AIRIÑOS DO CASTRO CON FABAS DA AVOA

Lourenzá, 4 de outubro de 2013. O restaurante La Unión foi gañador do concurso da ruta de tapas da Festa da Faba de Lourenzá coa denominada Antoxo do Apóstolo. O segundo premio é para o Café Bar Cantón con Fabas á cantonada e o terceiro logrouno o Bar Airiños do Castro con Fabas da avoa. Este foi o fallo do xurado que se reuniu na tarde de hoxe no Centro de Interpretación da Faba para probar as 20 tapas presentadas polos 8 establecementos participantes. Estivo formado por 5 persoas: unha en representación da asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá; outra da asociación Conde Santo; unha terceira da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá; e dúas do Concello, porque no último momento o patrocinador non puido participar.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, que foi unha das compoñentes do xurado, destacou que “o restaurante La Unión levaríase os tres premios, senón o impedisen as bases do concurso. Dúas das tapas dese establecemento, Antoxo do apóstolo e Cóctel vilou empataron co maior número de puntos, concretamente 121, e por unanimidade a primeira delas foi a elixida como a mellor. O segundo premio foi para Fabas á cantonada, do Café Bar Cantón, cun total de 115 puntos. E o terceiro, con 107 puntos, logrouno Fabas da avoa, do bar Airiños do Castro.”

A ruta de tapas, que empezou hoxe, seguirá mañá, sábado, de 12 a 16 horas e de 20 a 23 horas e o domingo ao mediodía.