O restaurante La Unión, coa súa creación gastronómica denominada Unión e fusión, foi o gañador do concurso de tapas da Festa da Faba de Lourenzá. O segundo clasificado foi a cafetería Galaxia, con Salpicón de fabas, e o terceiro posto é para o café bar Cantón, coa tapa chamada O vicio da faba.
No certame participaron dez establecementos hostaleiros, que presentaron un total de 22 tapas diferentes, preparacións que ofrecen de balde coas consumicións ata o domingo ás catro da tarde.
O xurado do concurso estivo formado pola alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez; o concelleiro Antonio Reigosa; unha representante do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, Isabel García; un directivo da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL), Roberto Díaz; e unha responsable da asociación Conde Santo, Encarna López.
Este evento está patrocinado por Cerámicas Regal, que fixo os regalos para entregar aos mellores clasificados, premios que serán entregados maña, sábado, ao mediodía. Tamén colabora a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá.