O SALÓN DE ACTOS MUNICIPAL ENCHEUSE DE PÚBLICO ONTE NA CHARLA DO CARDIÓLOGO RAMÓN RÍOS SOBRE O INFARTO DE MIOCARDIO

O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá encheuse de público onte con motivo da charla sobre o infarto de miocardio ofrecida polo cardiólogo Ramón Ríos, que traballa no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), onde é membro do equipo do doutor Carlos Juanatey. Este evento foi organizado polo Concello de Lourenzá, concretamente dende a Concellería de Servizos Sociais que dirixe Mercedes Dengra, en colaboración coa Federación Veciñal Lucus Augusti. En representación deste colectivo asistiron varios directivos, que “resaltaron o importante labor da Federación a prol da defensa dos servizos de Hemodinámica e Radioterapia na nosa provincia”, explicou hoxe a alcaldesa laurentina, Rocío López.

Ó longo da súa intervención o doutor Ramón Ríos abordou diversos temas, todos eles relacionados co infarto de miocardio. Destacou os síntomas previos que experimenta o paciente antes de sufrir un infarto e resaltou a importancia de tratar en tempo e forma ao enfermo. Ademais salientou que os minutos posteriores á detección do infarto son vitais para a supervivencia do paciente. Tamén explicou o procedemento que se segue dende o HULA e os tratamentos que se lle aplican a un paciente que está a sufrir un infarto. Ao remate abriuse un coloquio no que o cardiólogo aclarou todas as dúbidas e preguntas que formularon os asistentes.

A rexedora municipal de Lourenzá comentou: “dende o Concello agradecemos a predisposición do doutor e dos membros da Federación para impartir esta charla. Tamén agradecemos a presenza de todos os veciños do concello que asistiron e que fixeron que o salón de actos do Concello se quedase pequeno. Con esta iniciativa o Concello de Lourenzá o que pretende é concienciar e familiarizar aos cidadáns cun problema que cada día se volve máis común e que nos pode afectar en calquera momento. Dende as distintas concellerías estamos a traballar na organización de charlas de características similares a esta, que se vertebran en cuestións importantes e de interese xeral para os veciños”.

O SALÓN DE ACTOS MUNICIPAL ENCHEUSE DE PÚBLICO ONTE NA CHARLA DO CARDIÓLOGO RAMÓN RÍOS SOBRE O INFARTO DE MIOCARDIO