Nun salón de actos municipal abarrotado de público na tarde de onte, domingo, foron entregados os premios da primeira edición do certame de teatro Concello de Lourenzá.
A relación de premiados é a seguinte:
Premio Conde Santo á mellor representación para Enciclopedia Álvarez, de Ollomao (Barreiros).
Premio Lourenzo ao mellor actor para Juan de Culán, de Ollomao (Barreiros).
Premio Ana á mellor actriz para María Insua, de Andanzas (Viveiro).
Premio ao mellor actor de reparto para Marcos Bravo, de Airiños de Rianxo.
Premio á mellor actriz de reparto para Luisa Oroza, de A Adala de Fazouro.
Premio á mellor posta en escena para Mass Co-medias, de Airiños de Rianxo.
O premio á mellor representación estaba dotado con 600 euros en metálico. E todos os premiados recibiron un trofeo deseñado pola Fundación Eu Son, de Burela.
O xurado concedeu fóra de concurso un premio especial, pola entrega e o amor ao teatro, á actriz local Nazaret Barroso.
O punto final á gala púxoo o actor Cándido Pazó, que encandeou ao público coa obra Que comerá o rei?.
Para rematar este evento, que presidiron a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e a deputada provincial Mayra García, o concelleiro de Cultura, Manuel Arango, convocou ás actrices, actores, guionistas, directores e público a participar na segunda edición do certame de teatro, que se celebrará no ano 2018.