Lourenzá, 14 de novembro de 2013. O sistema para escorrentar as pombas instalado na igrexa de Santa María de Valdeflores, no conxunto histórico do mosteiro de San Salvador, será retirado pola súa escasa efectividade. O Concello de Lourenzá e a Diocese Mondoñedo-Ferrol tomaron esa decisión e tamén a de colocar púas nalgunhas zonas da fachada do edificio, para o que xa solicitaron permiso a Patrimonio. Este acordo adoptouse nunha reunión na que participaron a alcaldesa, Emma Álvarez Chao; o ecónomo da diocese, Ramón Otero, o párroco, Xosé Miguélez, e o xerente da empresa que colocou o escorrentador de pombas, Auditor Rodríguez.
A rexedora municipal explicou hoxe que “tomamos a decisión de renunciar a este sistema ante a súa falta de efectividade, ben porque o espazo a cubrir é moi amplo ou porque as pombas levan xa moitos anos utilizando a fachada da igrexa como zona de descanso, e tendo en conta que estamos dentro do período de proba dun mes que traía este aparato para poder devolvelo. Tamén tomamos o acordo de volver a aquela idea primitiva de colocar púas na fachada mantendo libres os escudos, as coroas e demais partes ornamentais da mesma para que o impacto sexa menor. Para iso xa cursamos solicitude a Patrimonio”.
Emma Álvarez engadiu que “seguimos mantendo o acordo de que, unha vez que teñamos o permiso de Patrimonio e se coloquen as púas, procederemos á limpeza dos excrementos das pombas e ademais ampliamos aquel acordo para levar a cabo tamén a limpeza da vexetación que hai na torre e o pintado do ventanal central da fachada da igrexa”.
A alcaldesa lembrou que “estes acordos forman parte daquel convenio inicial no que a diocese e o Concello de Lourenzá se comprometían a limpar a fachada e tamén á colocación dalgún sistema para diminuír a poboación de pombas no noso concello e sobre todo neste conxunto histórico”.