O Torreón de Vilanova de Lourenzá acollerá o vindeiro martes, día 8 de setembro, ás 20:30 horas unha reunión para informar sobre as clases que se impartirán para obter o título da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) no curso 2015-2016. É unha iniciativa, destinada a maiores de 18 anos de idade, que organiza Espacio Garabatos e na que colabora o Concello de Lourenzá.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, explicou que “hoxe en día ter o título de Educación Secundaria é indispensable para acceder a moitos traballos e incluso para conseguir mellores oportunidades na vida laboral. Este tipo de cursos e actividades son moi frutíferas e moi necesarias para todas aquelas persoas que por determinadas circunstancias carezan desta titulación. Así, dun xeito cómodo e práctico e cun horario flexible, as persoas que o desexen poderán sacar o titulo oficial de Educación Secundaria, da Xunta de Galicia”.