O vial coñecido como Camiño A está cortado ao tráfico para vehículos de máis de dez toneladas como consecuencia dos danos causados polo temporal na ponte sobre o río Batán

Lourenzá, 22 de xaneiro de 2013. A estrada coñecida como Camiño A está cortada ao tráfico para vehículos de máis de 10 toneladas, porque resultou danada ao seu paso sobre o río Batán como consecuencia do temporal dos últimos días. Esta situación impide o paso por ese lugar do autobús dos transporte escolar e dos camións que transportan o leite, a madeira, os pensos e outros produtos, como explicou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, que está xestionando a reparación do vial co ente autonómico Augas de Galicia, aínda que mantén que debería facelo a Deputación Provincial por ser a propietaria da estrada.

Emma Álvarez explicou que “está cortado ao tráfico para vehículos de máis de 10 toneladas no coñecido como Camiño A debido a que as riadas da fin de semana causaron un dano importante precisamente no paso por enriba do río Batán, onde xa houbo un famoso badén durante anos e que foi reparado con medios do Concello a finais de setembro do ano pasado”.

A alcaldesa de Lourenzá lembrou que sobre esta estrada “hai dous acordos do pleno da Deputación de Lugo para facer unha permuta e ser eles os donos, polo que a día de hoxe sigo crendo que é a Deputación a que debería tomar cartas no asunto xa que con dous acordos plenarios, un do ano 2006 e outro do 2012, xa tiveron tempo suficiente para ter o convenio redactado para ser asinado”.

Sobre este asunto Álvarez Chao falou o pasado día 9 deste mes de xaneiro co deputado de Vías e Obras, Manuel Martínez, a quen preguntou por este convenio e a resposta foi que “aínda estaba sen redactar”, comentou hoxe a rexedora municipal, quen tamén explicou que “ao día seguinte mandeille unha carta poñéndome á súa disposición para firmar o convenio que xa existía e que el mesmo me facilitou no mes de setembro, cando tivemos unha reunión, simplemente adaptándoo ás datas actuais”.


Para tratar de solucionar o problema que hai no Camiño A ao seu paso polo río Batán a alcaldesa púxose en contacto co ente autonómico Augas de Galicia, que “mañá, unha vez que estuden os danos de toda a comunidade, nos digan que posibilidades hai para que procedan ao arranxo ou si temos que facelo nós; en caso de que sexa así trataremos de que a Deputación de Lugo nos axude para facer estas obras”.Emma Álvarez aproveitou para agradecer o traballo realizado polos membros de Protección Civil que “durante toda a xornada do sábado estiveron ao pé do canón axudando nas labores de arranxo dos danos ocasionados polas inundacións debido as choivas”.