Medio cento de persoas asistiron onte en Lourenzá á charla sobre a teleasistencia domiciliaria da Cruz Vermella e á xuntanza relativa ao taller de memoria, que organiza un ano máis o Concello.
Segundo explicou a alcaldesa, Emma Álvarez, “no taller de memoria as persoas están divididas en tres grupos nas tardes dos martes e dos mércores. Entre as actividades propostas polos propios alumnos deste obradoiro para este 2014/2015 están: facer cine fórum ou retomar aquela idea que se realizou no 2012 de preparar unha obra de teatro”. A rexedora engadiu que “xa hai 11 voluntarios anotados á espera de que se inicie a vindeira semana o curso, o día 21, e se poida decidir o número concreto. Unha vez teñamos o número definitivo de persoas escollerase a obra de teatro que ensaiarán durante o curso e que representarán ao final do mesmo”.
Álvarez agarda que “ao igual que en anos anteriores a esa xente que acude ao taller de memoria lle sirva non só para exercitar a memoria, senón tamén facer lazos de unión entre eles, lles sirva como punto de encontro e para seguir celebrando todas as actividades que se fixeron en anos anteriores como as merendas de Nadal, de Entroido e de fin de curso ou mesmo unha excursión”.