O VINDEIRO MÉRCORES, DÍA 17, NOS ACTOS DAS LETRAS GALEGAS EN VILANOVA ACTUARÁN LUAR NA LUBRE, TREIXADURA, SOUTO XÍMARO, O CORO MESTRE PACHECO, A ASOCIACIÓN CULTURAL OSORIO GUTIÉRREZ E A BANDA DE MÚSICA DE LOURENZÁ

Nos actos do Día das Letras Galegas dedicado a Francisco Fernández del Riego o vindeiro mércores, día 17, en Vilanova haberá as actuacións musicais de Luar na Lubre, Treixadura, Souto Xímaro, o Coro Mestre Pacheo, a Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e a Banda de Música de Lourenzá.

As actividades empezarán ás 10:00 horas cunha actuación da Banda de Música de Lourenzá polas rúas de Vilanova. A partir das 11 e media da mañá desenvolverase na Praza do Conde Santo o acto institucional da Xunta de Galicia, no que actuará o grupo musical Luar na Lubre.

Ás 12:30 horas no Multiusos Ponte de Cuñas terá lugar unha sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega, acto no que participarán o grupo musical Souto Xímaro e o coro Mestre Pacheco.

Ás 15:00 horas empezará un xantar popular no Campo do Mosteiro, onde ás 18:00 horas actuará a Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e ás 19:00 horas haberá un concerto do grupo musical Treixadura, co que remataran os actos da xornada.