Na tarde de onte, martes 30 de setembro, reuniuse o xurado encargado de elixir o gañador do XVIII Concurso Fotográfico que se enmarca dentro das actividades da Festa da Faba de Lourenzá. Despois de valorar unha ducia de traballos recibidos dende toda Galicia e outras provincias españolas, o xurado decidiu finalmente adxudicar o premio desta edición ao viveirense Francisco López López pola súa serie de seis fotografías denominada A xoia de Lourenzá. O gañador recibirá o seu premio, consistente nun talón de 500 euros, o vindeiro sábado, 4 de outubro, no entorno do Claustro do Mosteiro. Farao nun acto no que responsables municipais do Concello laurentino tamén entregarán os recoñecementos desta XXIV Festa da Faba aos gañadores do Concurso de Tapas e á vencedora do Concurso do Cartel deste edición.
A concelleira de Cultura de Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, foi a encargada de explicar que “nesta ocasión as series fotográficas foron valoradas por 3 profesionais do mundo da fotografía: a fotógrafa local Lucía Vale López, e os xornalistas Xaime F. Ramallal, de La Voz de Galicia, e José Mª Álvez, de El Progreso, actuando eu mesma de secretaria do xurado coma concelleira de Cultura con voz, pero sen voto dentro destas valoracións. Despois de efectuarse o reconto de votos, resultou gañadora a serie de seis fotografías denominada A Xoia de Lourenzá, cuxa autoría corresponde ó viveirense Francisco López López”.
A edil laurentina engadiu que “a entrega do premio, que consiste nun talón de 500 euros, terá lugar o vindeiro sábado, 4 de outubro, sobre as 12:30 horas no entorno do Claustro do Mosteiro. Conxuntamente faremos entrega dos recoñecementos aos hostaleiros gañadores do Concurso de Tapas e á gañadora do Concurso do Cartel da presente edición da Festa da Faba. Dende o Concello queremos destacar a calidade dos traballos presentados así como a creatividade dos participantes, que amosaron nas súas obras a beleza da nosa comarca, berce da faba que se festexa esta fin de semana.”