Oito obras foron seleccionadas para participar no primeiro certame de teatro Concello de Lourenzá. Representaranse os catro fins de semana do vindeiro mes de novembro.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, anunciou que “as obras e grupos teatrais seleccionadas para participar no I Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá son as seguintes por orde de actuación:
4 de novembro.- A miña muller volveu, da Asociación Cultural Pico do Castro, de Foz.
5 de novembro.- Mass co-medias, da Asociación Teatro Airiños, de Rianxo.
11 de novembro.- Las entretenidas, de Andanzas, de Viveiro.
12 de novembro.- Menciñeiro á forza, da Asociación de Veciños de Lagoa (Alfoz).
17 de novembro.- A taberna de Suso, de Os Trangalleiros, de Lourenzá.
18 de novembro.- El picadero de mi abuelo, da Asociación Cultural Manuel Méndez de Arancedo (El Franco).
25 de novembro.- Sen seu amor, de A Adala, de Fazouro (Foz).
26 de novembro.- Enciclopedia Álvarez, de Ollomao, de Barreiros”.
Manuel Arango tamén explicou que “cada grupo seleccionado recibirá 300 euros en concepto de participación, montaxe, desprazamento, etcétera. Todos eles optarán aos seguintes premios: Premio Conde Santo á mellor representación, 600 euros e trofeo; premio Lourenzo ao mellor actor, trofeo; premio Ana á mellor actriz, trofeo; premio ao mellor actor de reparto, trofeo; premio á mellor actriz de reparto, trofeo; e premio á mellor posta en escena, trofeo. As obras representaranse no salón de actos do Concello ás 19:30 horas, agás a do venres 17, que será ás 20:30 horas. O prezo das entradas para cada unha das obras será de 3 euros”.
O edil de Cultura engadiu que “os premios serán entregados nunha gala especial, que se celebrará o 3 de decembro ás 19:00 horas e na que Cándido Pazó porá en escena a obra Que comerá o rei?”.