Lourenzá, 3 de outubro de 2013. Os actos da 23ª edición da Festa da Faba empezarán mañá, venres, xornada na que haberá ruta de tapas en 8 establecementos hostaleiros, cantos de taberna, a inauguración dunha exposición do artista David Catá e a Farra da Faba. Ademais fallouse o concurso de fotografía organizado con motivo do festexo, certame que gañou a ribadense María Belén Pérez Teijo.
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, manifestou hoxe que se están “ultimando os preparativos da 23ª edición da Festa da Faba, que arranca mañá, venres, coa valoración das tapas da sexta ruta, elaboradas por establecementos hostaleiros do noso concello e que teñen como ingrediente fundamental a Faba de Lourenzá. Son oito os participantes neste concurso, que terán tapas de balde dende mañá ás 8 da tarde ata o domingo a mediodía. O venres á noite a ruta estará acompañada por cantos de taberna cargo de Os feroces da Galgueira, un grupo folclórico de As Pontes que antes de facer o percorrido polos establecementos participantes ofrecerá un pasarrúas para empezar a crear ambiente festivo no noso concello”.
A rexedora engadiu que “mañá tamén, ás sete e media da tarde, teremos con nós a David Catá, autor da exposición Entre el recuerdo y su ausencia, que estará na sala de exposicións tanto o sábado como o domingo durante todo o día. Está composta por unha videoperformance, fotografía e pintura, nas que se reflexiona sobre a memoria, o esquecemento e as marcas da vida. É unha mostra cargada de simbolismo na que se afonda e investiga sobre as emocións, a dor, o medo e a perda do ser querido; unha metáfora da vida manifestada a través do retrato e as accións performáticas realizadas sobre o seu propio corpo. David Catá estará mañá ás 19:30 horas connosco para explicarnos o contido desta exposición”.
O programa de actividades de mañá continuará “coa Farra da Faba: neste caso a Pulpería Mario de Viveiro elaborará pulpo para todos os visitantes ao noso concello e teremos tamén a actuación de Tania y su acordeón para amenizar a noite e empezar xa coas festas do San Marcial, nas que haberá a actuación da Disco Móvil Conde Santo”.
Emma Álvarez tamén deu a coñecer hoxe que “onte reuniuse o xurado cualificador do 17º concurso fotográfico Festa da Faba 2013, composto polos fotógrafos Xaime Fernández Ramallal, da Voz de Galicia; José María Álvez Marciel, do Progreso; e Lucía Valea López, fotógrafa do concello de Lourenzá; actuando como secretaria María Guadalupe Flórez Seivane, a nosa concelleira de Cultura, Educación e Turismo, que non tivo dereito a voto. Valoraron as series presentadas ao concurso fotográfico e decidiron premiar como mellor conxunto o titulado A nosa horta. A autora presentouse baixo o pseudónimo Anduriña, que pertence a María Belén Pérez Teijo, de Ribadeo. Hai que recordar que esta rapaza afeccionada á fotografía xa conseguira o segundo premio o ano pasado, na anterior edición do concurso fotográfico da Festa da Faba. Belén Pérez Teijo poderá recibir o seu premio o sábado a mediodía no claustro do mosteiro de San Salvador de mans da conselleira de Traballo. É un premio que consta de un diploma e un cheque de 500 euros”.