Lourenzá, 20 de maio de 2013. A corporación de Lourenzá aprobou hoxe en pleno a actualización do prezo das escolas deportivas municipais, que será de 54 euros por tempada. Tamén se acordou cobrar entrada polas visitas ao Centro de Interpretación da Faba.
Sobre a aprobación do expediente de modificación das ordenanzas que regulan as taxas pola prestación de servizos das escolas deportivas municipais a portavoz do goberno municipal, Lupe Flórez, explicou que “como fora unha das taxas que quedara sen actualizar nos pasados plenos o equipo de goberno propuxo actualizar o prezo por ese servizo e tivemos en conta o das escolas deportivas de Mondoñedo, xa que temos un convenio firmado con eles e moitas das actividades desenvolvémolas de maneira conxunta. Actualmente os nenos estaban pagando uns 4 euros cuns céntimos mensuais, non chegaba aos 5 euros, nun total de 9 meses, que é como está establecida a tempada. A partir de agora será un total de 6 euros mensuais, o que supón 54 euros a tempada. Mantemos a posibilidade de que se poida facer nun pago único ou en dous pagos fraccionados. Pensamos que non é un prezo excesivo por todos os servizos que se ofrecen dende as escolas deportivas e pretendemos que esta pequena actualización contribúa un pouquiño a sufragar o custo do servizo, que non se autofinancia por si mesmo”.
Lupe Flórez engadiu que “neste punto da orde do día os votos foron de 6 a favor, por parte do grupo municipal do PP; os tres concelleiros presentes do PSOE, pois faltaba un, e o do BNG votaron en contra. Os seus argumentos baséanse en que consideran que a oferta das escolas deportivas en Lourenzá pode chegar a ser excesiva para un concello da nosa entidade poboacional. Non puxeron reparo á taxa económica, pero din que temos unhas escolas, segundo eles, semiprofesionais que igual son excesivamente ambiciosas para o noso concello. Os nosos argumentos foron que a idea das escolas deportivas xa no seu nacemento consistía en ofertarlle unhas opcións de ocio para o tempo libre da xuventude laurentina e observamos que ao longo destes anos que levan funcionando, case van dúas décadas, demostrouse que é algo totalmente positivo e beneficioso para os xoves de Lourenzá. De feito non só ter un ocio lúdico positivo que nos afasta doutras actividades nocivas para a saúde é beneficioso, senón que o propio sentimento de equipo crea un arraigo entre a xuventude de Lourenzá, que é para nosoutros o obxectivo último dunhas escolas deportivas: crear equipo e unión entre os xoves laurentinos, aparte do que supón o esforzo da competición, o afán de superación dun mesmo, o compañeirismo nas viaxes de equipo, etcétera”.
Flórez tamén aclarou que “moitos dos gastos que se recollen no expediente non son achacables ás escolas deportivas, senón que nós temos unhas instalacións de carácter deportivo (o pavillón municipal e o campo de fútbol) que son utilizados por usuarios alleos ás propias escolas deportivas, que están a pagar unhas taxas pola súa utilización. Temos grupos de xente que xogan ao fútbol sala ou ao bádminton que pagan as súas correspondentes taxas de uso, pero como eses ingresos non son cotas das escolas deportivas non se contemplan como ingresos a reducir no gasto xenérico do deporte en Lourenzá. E por outra parte hai outra serie de actividades, pois préstanselle as instalacións do pavillón á escola municipal de música e danza para os ensaios de canto, baile e pandeireta; o exceso de peregrinos que non podemos acoller no albergue oficial que temos xestionado co Xacobeo derívase as instalacións do pavillón municipal e cóbrase a pertinente taxa (de 3 euros para os que dormen no chan e 5 euros para os que usan liteira noutra dependencia anexa ao pavillón), co cal hai que ter en conta que hai unha serie de ingresos que non contan como actividade deportiva pero si redundan nas propias instalacións de carácter municipal. Os propios nenos do colexio utilizan nas horas de educación física o pavillón municipal porque está anexo as dependencias do centro”.
Por todo isto o goberno local de Lourenzá considera que “está suficientemente xustificado, pois aínda que a taxa non sufrague ao cen por cen o custe das escolas deportivas para nós o feito de ofrecer unha gama de deportes e actividade lúdica para os nenos e a xuventude de Lourenzá realmente vale a pena. Igual hai que facer un axuste noutro tipo de gastos accesorios ao que é o propio deporte sen que teña que verse condicionado o funcionamento das escolas deportivas”.
No pleno de hoxe tamén se aprobou a creación da taxa para as visitas ao Centro de Interpretación da Faba que “é unha cantidade simbólica e inclúe un prezo especial para colexios coa intención de ofrecérllelo de cara ao próximo curso escolar aos centros educativos da Mariña. O prezo por visitante é de 1,50 euros, pero para menores de 18 anos e maiores de 65 ou xubilados é de 1 euro, cantidade que se fixou tamén para cada compoñente dos grupos de máis de dez persoas. Para os grupos de escolares é de 12 euros por cada 50 alumnos”. Este asunto foi aprobado por unanimidade.
Ademais na sesión plenaria tratouse unha moción presentada polo BNG sobre as deficiencias do alumeado público. “Neste punto propuxemos un cambio na moción que el presentou engadindo que o Concello elaborará un informe técnico das deficiencias para tratar de solucionalas dentro das súas posibilidades económicas e coa máxima prioridade posible. Unha vez refeita aprobouse por unanimidade”, explicou Lupe Flórez.