O Concello de Lourenzá ven de firmar un convenio de colaboración co Concello de Trabada para xestionar de maneira compartida o servizo de mantemento de espazos naturais. Grazas a este convenio, e a través dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, os dous Concellos adquiriron dúas novas máquinas para levar a cabo a limpeza das súas estradas e camiños municipais: unha trituradora e unha desbrozadora.
A alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, explicou que “os Concellos de Lourenzá e Trabada vimos de estrear maquinaria para a limpeza das estradas e dos camiños municipais. Trátase dunha trituradora, e tamén dunha desbrozadora de brazo monomando e rotor de martelos, que están valorados en preto de 37.000 euros. Con esta inversión o que pretendemos é obter o maior rendemento e desta maneira facer máis efectivo o servizo de mantemento e de roce das pistas do concello”.
A responsable municipal recordou que “estas máquinas foron adquiridas coa participación da Xunta de Galicia, concretamente da Dirección Xeral de Administración Local, ao abeiro da orde da Xunta do Fondo de Compensación Ambiental. Para isto, ámbolos dous Concellos asinamos un convenio de colaboración para a xestión compartida do servizo de mantemento de espazos naturais e grazas a este convenio asinado, e grazas tamén a esta subvención do Fondo de Compensación Ambiental, tamén se nos subvencionaron aproximadamente 44.000 euros de gastos de persoal e de mantemento de este servizo de conservación de espazos naturais”.