PAPÁ NOEL VISITOU O CENTRO DE DÍA PARA MAIORES, O PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA E A CASA DO CONCELLO. O 5 DE XANEIRO TERÁ LUGAR A CABALGATA DOS REIS MAGOS E O ESTREO DO GRUPO DE TEATRO INFANTIL

Lourenzá, 26 de decembro de 2013. Papá Noel estivo en Lourenzá nun percorrido organizado polo Concello e visitou o centro de día para maiores, o punto de atención á infancia Meniños e a Casa do Concello. As actividades da programación de Nadal rematarán o día 5 de xaneiro, domingo, coa cabalgata dos Reis Magos e o estreo do grupo de teatro infantil.

A concelleira de Cultura, Lupe Flórez, anunciou que os Reis Magos “van facer un pequeno percorrido polas tres parroquias do Val de Lourenzá (San Adriano, Santo Tomé e San Xurxo) con distintas paradas, tanto nas igrexas parroquiais como nos centros cívicos. E xa que o ano pasado fixémolo na igrexa parroquial de San Adriano nesta ocasión tocaralle á igrexa de Santo Tomé acoller un pequeno concerto de panxoliñas a cargo do coro parroquial da igrexa de Vilanova de Lourenzá. Finalmente desembarcarán na capitalidade do municipio, en Vilanova. A saída está prevista desde o albergue de peregrinos para que percorra as rúas principais do noso concello e finalmente rematen, como todos os anos, asomándose ao balcón da Casa do Concello, desde onde dirixirán unhas palabras a todos os nenos presentes para despois facer a recepción neno a neno nas escalinatas de acceso ás oficinas municipais”.

Lupe Flórez tamén salientou que “unha das actividades máis esperadas para este Nadal en Lourenzá vai ser o estreo do grupo de teatro infantil do noso concello. Son un grupo de nenos que levan uns dez meses ensaiando unha obra de teatro que escribiu Pepe Peinó e que a técnica de Cultura adaptou para os nenos de Lourenzá titulándoa TeleLourenzá. Procederase aos estreo desa peza teatral despois da cabalgata de Reis, na tarde noite do domingo 5 de xaneiro no salón de actos municipal de Lourenzá”.