A PRAZA DO CONDE SANTO ESTÁ SENDO REPARADA, OBRAS NAS QUE SE INCLÚE A RESTAURACIÓN DA FAMOSA RA QUE HAI NO CANTÓN

Lourenzá, 24 de xullo de 2014. O Concello de Lourenzá está realizando obras de reparación na Praza do Conde Santo, actuación que inclúe a restauración da famosa ra que hai no Cantón.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “estes días estamos facendo traballos de reparación e de restauración na Praza do Conde Santo, estamos a pintar todo o mobiliario e ao mesmo tempo estamos a facer un traballo que nos parece moi importante porque todos os laurentinos se senten identificados coa famosa ra que temos na Praza do Conde Santo. Esta ra levaba varios anos deteriorada, faltáballe parte dunha pata, tamén algunha zona do corpo e procedeuse ao restaurado. Tamén se lle quitaron todas as capas de pintura que tiña para recuperar á súa cor orixinal. A persoa que se encarga de facer estes traballos é Ana Belén Barreira Oural, coñecida por rexentar Manualidades Edra; é unha artista local que se dedica a facer todo tipo de restauracións. Con isto pretendemos que o Cantón luza unha cara máis atractiva non soamente para todos os visitantes senón tamén para todos os nenos e todas as familias que pasan tardes e horas no Cantón”.

A rexedora comentou ademais que “temos pedida unha subvención para reparar o parque infantil que está situado tamén nesta praza, posto que ten algunha pequena deficiencia e confiamos en que a subvención que temos pedida á Consellería de Presidencia se resolva canto antes e proceder a reparar os xogos infantís”.