A programación de Nadal en Lourenzá inclúe un belén instalado na Praza do Conde Santo, unha montaxe de paisaxe polar que está no Quiosco da Música e numerosas actividades.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, anunciou hoxe que “en Lourenzá xa se vive o Nadal coa inauguración do alumeado navideño e a colocación dun belén na Praza Conde Santo e dunha montaxe de paisaxe polar no Quiosco da Música do Cantón”.
Manuel Arango tamén deu a coñecer que “as actividades programadas polo Concello para estas festas comezarán o día 22 coa visita de Papá Noel ao Punto de Atención á Infancia (PAI), ao Centro de Día e a chegada ás 18:00 horas á carpa situada na Praza do Concello. O sábado 23 ás 20:00 horas haberá un Concerto de Nadal na Igrexa de Vilanova a cargo do grupo Amor Fino (solistas de San Petesburgo). O mércores 27 desenvolverase un obradoiro infantil de organería ás 16:30 horas na biblioteca municipal, que inclúe unha visita aos órganos da igrexa. O xoves 28 haberá dous obradoiros sobre consumo responsable: Xoguetes e Deseñando o noso videoxogo, impartidos pola Escola Galega de Consumo. Serán ás 16:30 horas na carpa da Praza Conde Santo. Ese mesmo día ás 21 horas no salón de actos do Concello terá lugar un concerto a cargo de Davide Salvado e Pedro Pascual. E o sábado 30 haberá teatro familiar co grupo In Bocca al Lupo, que representará a obra Superlía, ás 18 horas no salón de actos do Concello. Rematarán as actividades o venres 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis”.
O edil de Cultura destaca que “todas as actividades serán gratuítas” e engade que “o Concello de Lourenzá colabora coa ACIAL e o comercio local instalando unha carpa na Praza Conde Santo, onde se celebrará o Mercado de Nadal os días 16 e 17 de decembro e a Festa de Fin de Ano”.