A programación de Nadal organizada polo Concello de Lourenzá comezará este domingo, día 16, cun obradoiro e espectáculo de maxia. E rematará coa cabalgata dos Reis Magos o 5 de xaneiro.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, anuncia que “este próximo domingo, 16 de decembro, a partir das cinco da tarde, Hermanager Producións trae á carpa situada no Campo dos Bolos o espectáculo Apren-Deimi e un obradoiro de maxia. Desta maneira o Concello de Lourenzá colabora coa celebración do Mercado de Nadal que organiza a ACIAL durante a fin de semana”.
Manuel Arango engade que “o venres 21 de decembro o grupo Trípode porá en escena a obra Cousas de vellos. Será na escola de San Adriano ás 19:30 horas. O domingo 23 de decembro ás 17 horas Fran Rei presenta o espectáculo cómico O conto de Barriga Verde. Será na carpa situada no Campo dos Bolos. A continuación chegará Papá Noel a saudar a todos os nenos e nenas de Lourenzá. Tamén na carpa do Campo dos Bolos, o mércores 26 de decembro estará funcionando un planetario a partir das 16:30 horas”.
Ademais “o xoves 27 de decembro no Centro Social de Santo Tomé, de 17 a 19 horas, desenvolverase un obradoiro de Nadal para nen@s de 2 a 12 anos. O sábado 29 de decembro volverá o grupo Trípode a representar a obra Cousas de vellos. Esta vez será no Centro Social de San Xorxe ás 20:30 horas. Durante a primeira semana de xaneiro o Concello programará unhas tardes de cine infantil, que serán os días 2, 3 e 4 ás 17 horas no salón de actos municipal. E rematará esta programación de Nadal o sábado 5 de xaneiro coa Cabalgata dos Reis Magos”, comentou o edil de Cultura laurentino.