Lourenzá, 17 de decembro de 2013. A concelleira de Educación e Cultura en Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, anunciou a programación organizada polo Concello para este Nadal, que comezará este domingo 22 cun concerto de canto. E ata o 8 de xaneiro haberá actividades como a visita de Papá Noel, a cabalgata dos Reis Magos, o estreo do grupo municipal de teatro infantil e obradoiros.
Lupe Flórez explicou que o programa de actividades “dará comezo o día 22 de decembro, domingo, ás seis da tarde na igrexa de Santa María de Valdeflores, onde os alumnos da escola municipal de música e danza Osorio Gutiérrez van levar a cabo un pequeniño concerto de cantos de Nadal”.
A concelleira destacou que “unha das visitas máis esperadas, como tódolos anos, será a de Papá Noel, que chegará na tarde do luns 23 de decembro ao noso concello. A súa visita vai comezar polos máis maiores, xa que pasará polo centro de día; posteriormente irá a ver aos máis pequeniños no punto de atención á infancia Meniños, onde recibirá as súas cartas e lles entregará unhas lambetadas; e finalmente a recepción máis oficial, que facemos todos os anos con Papá Noel, terá lugar ás seis da tarde na sala de exposicións da Casa do Concello, onde recibirá a todos aqueles nenos que se queiran achegar a facerlle as súas últimas peticións e entregaralles unhas lambetadas. A xornada rematará coa proxección dun filme dirixido ao público infantil”.
Flórez Seivane tamén anunciou que “ao longo de todas as vacacións escolares desta época de Nadal teremos uns obradoiros e xogos, que estarán dirixidos polo monitor sociocultural do Concello e van ter lugar fóra dos días propiamente festivos: en decembro serán os días 23, 26, 27 e 30 e nos mes de xaneiro serán os días 2, 3, 7 e 8, xa que debemos recordar que as vacacións escolares rematan precisamente ese día 8 e comezan o colexio os nenos o 9 de xaneiro. O prezo por participar nestes obradoiros e xogos de Nadal, que van ter lugar durante as mañás deste período vacacional, é de 6 euros para todas as xornadas. A inscrición será na biblioteca municipal ao longo de toda esta semana ata o venres, 20 de decembro. As prazas son limitadas e polo tanto respectarase por rigorosa orde de inscrición a participación dos nenos que se queiran anotar. O horario de información e inscrición na biblioteca municipal é de 5 a 8 da tarde”.
A edil comentou ademais que “finalmente, como todos os anos, unha das visitas máis agardadas aparte da de Papá Noel, será a tradicional por excelencia, a cabalgata dos Reis Magos, que desfilarán polas rúas do noso concello o domingo 5 de xaneiro. Van facer un pequeno percorrido polas tres parroquias do Val de Lourenzá (San Adriano, Santo Tomé e San Xurxo) facendo distintas paradas tanto nas igrexas parroquiais como nos centros cívicos. E xa que o ano pasado fixémolo na igrexa parroquial de San Adriano nesta ocasión tocaralle á igrexa de Santo Tomé acoller un pequeno concerto de panxoliñas a cargo do coro parroquial da igrexa de Vilanova de Lourenzá. Finalmente desembarcarán na capitalidade do municipio, en Vilanova. A saída está prevista desde o albergue de peregrinos para que percorra as rúas principais do noso concello e finalmente rematen, como todos os anos, asomándose ao balcón da Casa do Concello, desde onde dirixirán unhas palabras a todos os nenos presentes para despois facer a recepción neno a neno nas escalinatas de acceso ás oficinas municipais”.
Lupe Flórez tamén salientou que “unha das actividades máis esperadas para este Nadal en Lourenzá vai ser o estreo do grupo de teatro infantil do noso concello. Son un grupo de nenos que levan practicamente uns dez meses ensaiando unha obra de teatro que escribiu Pepe Peinó e que a técnica de Cultura adaptou para os nenos de Lourenzá titulándoa TeleLourenzá. Procederase aos estreo desa peza teatral despois da cabalgata de Reis, na tarde noite do domingo 5 de xaneiro no salón de actos municipal de Lourenzá”.
A concelleira de Educación e Cultura rematou lembrando “a todos os nenos e adultos que permanezan atentos aos carteis que se colocarán nos puntos habituais e, por outra parte, en forma virtual na páxina web do Concello (www.concellodelourenza.es) e tamén nas redes sociais a través do perfil de facebook do Concello de Lourenzá, onde se irán actualizando todas as novas relativas a esta programación de Nadal. Por exemplo a cabalgata dos Reis Magos non está totalmente perfilada, pois sabemos que vamos contar coa colaboración, como xa ocorreu en anos anteriores, da asociación de comerciantes local, que nos vai prestar diversa colaboración na organización da mesma, pero é algo que non está totalmente perfilado e que vai irse actualizando en días vindeiros”.