RAQUEL ARIAS CONSIDERA QUE A XUNTA “REFORZA NA MARIÑA A APOSTA POLOS PROGRAMAS DE FORMACIÓN E EMPREGO” COA POSTA EN MARCHA HOXE DE CATRO OBRADOIROS CON 80 ALUMNOS

A delegada territorial, Raquel Arias, subliñou hoxe que a Xunta de Galicia reforza a súa aposta polos programas de formación e emprego na Mariña” coa posta en marcha definitiva no día de hoxe de catro obradoiros de emprego, nos que participan 80 alumnos de doce concellos da zona costeira.

A delegada, xunto cos alcaldes de Lourenzá, Emma Álvarez, e o de Barreiros, Alfonso Fuente, acompañou aos alumnos do obradoiro de emprego Serra da Cadeira, que comeza hoxe mesmo e foi impulsado conxuntamente polos concellos referidos e o de Trabada.

Arias sinalou que a Consellería de Traballo e Benestar inviste máis de 710.000 euros nos catro obradoiros de emprego que se poñen en marcha estes días na comarca e cos que se promove a contratación de case un cento de persoas da Mariña, entre alumnos, monitores e persoal de administración. Ademais, Arias tamén recordou que, neste ano, ofrecese emprego a preto dun cento de persoas contratados como monitores e persoal de dirección ou administración.

A representante do Executivo galego subliñou a necesidade de seguir sumando sinerxías que procuren a creación de postos de traballo a nivel local. Ao respecto, indicou que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xerar postos de traballo e “os concellos xogan un importante papel para detectar e aproveitar estes nichos de emprego no seu ámbito”.

A delegada expuxo que o departamento autonómico de Traballo e Benestar inviste 177.668,40 euros no proxecto Serra da Cadeira, no que unha vintena de persoas desempregadas adquiren formación teórica e experiencia laboral nas especialidades de xardinería e carpintería, realizando obras de interese social nos tres concellos.

Deste xeito, en Barreiros, farase a instalación das carpinterías de madeira da Escola de San Miguel, mentres que no concello de Trabada realizarase o acondicionamento da área da Fraga da Belosiña.

No caso de Lourenzá, realizaranse, por exemplo, as seguintes obras: Montaxe e instalación de catro casetas da faba, instalación dunha decena de stands para os mercados dominicais, axardinamento dos accesos a Vilanova de Lourenzá e o axardinamento da Capela de San Sebastián.

Raquel Arias defendeu o novo modelo de obradoiros de emprego, que en determinados casos promove aos concellos a mancomunar as propostas, porque “significa coordinar accións e reducir custos, permitindo o acceso do maior número posible de persoas desempregadas”.

Os obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 18 e teñen unha duración de seis meses, dende hoxe ata o 26 de febreiro, durante os cales os alumnos traballadores perciben un salario e adquiren unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral.