Comezou unha campaña de recollida firmas para reclamar melloras no servizo de pediatría para os municipios de Lourenzá, Barreiros e Mondoñedo. Así se acordou na reunión celebrada na tarde noite de onte, venres, no salón de actos do Concello laurentino.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explicou: “tivemos unha segunda reunión, nesta ocasión no salón de actos do Concello de Lourenzá, para tratar o problema do servizo de pediatría que afecta ao noso municipio, polas graves deficiencias que ten e o seu mal funcionamento. Tal como quedaramos nunha anterior xuntanza con moitos pais e nais afectados deste concello, a esta reunión trouxemos xa un texto elaborado, no que denunciamos o mal funcionamento do Servizo Galego de Saúde, que non está a garantir o dereito das nenas e nenos do municipio a ser atendidos por un especialista en pediatría en caso de enfermidade. Denunciamos que se está a incumprir o calendario de vacinas, co grave risco que isto supón para a saúde do menor. E tamén denunciamos que cando o pediatra se atopa de baixa ou de vacacións non envían a un substituto para cubrir ese posto de traballo e seguir garantindo o bo funcionamento do servizo”.
Rocío López engadiu: “reunímonos non só veciños do concello de Lourenzá senón tamén dos municipios de Barreiros e Mondoñedo, porque compartimos este servizo os tres concellos. E tamén asistiron representantes políticos, de todas as cores, dos tres municipios, recolléronse firmas de todos os asistentes e tamén levaron máis copias do escrito para recoller máis sinaturas entre todos os veciños e veciñas de Lourenzá, firmas que posteriormente, a finais da semana que vén, serán rexistradas no Concello e servirán de base para elaborar unha moción que levaremos ao pleno e que esperemos que sexa aprobada polos tres grupos políticos que formamos a corporación de Lourenzá. Ademais falei cos rexedores de Barreiros e Mondoñedo e voulles trasladar esta moción para que a leven aos respectivos plenos dos seus concellos; e manifestaron que así será. E representantes dos grupos do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego deses dous concellos tamén manifestaron na reunión que van apoiar esa moción nos seus respectivos concellos e tamén van proceder a unha recollida de firmas para avalar esas mocións”.
A rexedora municipal laurentina salientou que “o obxectivo non é outro que loitar por un servizo de pediatría, ó cal os nosos nenos teñen dereito. Nesa moción vaise reflectir iso e instar ao Servizo Galego de Saúde e á Xunta de Galicia para que manteñan o servizo de pediatría e para que garantan a substitución da pediatra cando ela non está, para que o servizo siga funcionando de maneira correcta e eficiente. Este é un problema que nos afecta a todos, no que todos temos que ir da man para loitar polos nosos dereitos e pola nosa sanidade”.
Ademais Rocío López agradeceu “que viñesen a esta reunión tamén representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade na Mariña e, sobre todo, a todos os veciños e veciñas de Lourenzá. Imos loitar e chegar ata onde sexa necesario para defender a sanidade dos laurentinos”. Tamén anunciou que esta problemática será trasladada aos representantes do PSOE no Parlamento de Galicia para que este asunto sexa tratado na Cámara autonómica.