Lourenzá, 31 de xullo de 2014. O Concello de Lourenzá puxo onte punto e final a súa programación lúdica dirixida a nenos de entre 4 e 9 anos. Así o anunciou a súa concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, quen recordou que a partir de agora e durante todo o vindeiro mes de agosto, continuarán as actividades deportivas enfocadas a rapaces maiores de 10 anos.
Lupe Flórez destacou que “na xornada de onte, día 30 de xullo, deu remate o curso de pintura e tamén as distintas actividades de animación á lectura e todos os xogos que tiveron entretidos nas mañás do mes de xullo aos máis pequenos do noso concello.” A concelleira explicou que “en total unha ducia de rapaces de entre 4 e 9 anos puideron gozar de distintas actividades, como foron xogos en grupo ou certas actividades de animación á lectura coma os contacontos. Por outra parte, nas últimas horas da mañá os cativos tiveron un curso de pintura. Neste curso traballáronse distintas técnicas. Comezamos pintando en tela e todos puideron crear a súa propia camiseta pintada por eles mesmos. E ademais, realizáronse tamén técnicas con goma eva, como realización de imáns para neveiras ou pinzas de roupa decoradas con este material para facer notas de todo tipo. A última parte do mes, dedicouse á técnica de pintura en pores; sobre este material realizáronse os pintados de cup cakes con distintas técnicas e acabados, e por outra banda levouse a cabo e deseño dun marco de fotos no que cada neno puido poñer a foto que se lle fixo coa súa camiseta”.
Flórez, ademais de facer balance das actividades realizadas en xullo, adiantou que “durante o mes de agosto seguen as actividades para o grupo de maiores a partir de 10 anos, grazas á colaboración que existe entre o Concello e a empresa que leva o ximnasio municipal; unha colaboración que fai posible o uso de distintos espazos municipais para realizar estas actividades.”