Lourenzá, 3 de decembro de 2012. O salón de actos da casa de cultura de Lourenzá quedouse pequeno onte, domingo, para acoller á gran cantidade de público que se achegou para ver a representación teatral a cargo do grupo do taller de memoria. Por iso intentarán volver escenificala no municipio e tamén se presentará en Alfoz.
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, dálle as grazas aos participantes no taller de memoria por “facernos pasar unha tarde de risas, agradable, onde puidemos gozar do traballo que durante todo o ano con moito entusiasmo, pero tamén con moitas dificultades a veces, fixeron e sacaron adiante”. Tamén destaca a labor “de Pepe Peinó, porque sen el non se podería levar a cabo esta obra de teatro; de Cachín, porque aparte de axudar nos ensaios tamén foi un actor na obra; e de Belén, a anterior animadora sociocultural que tíñamos no Concello e que participaba na obra de teatro e, pese a que xa non traballa con nós, quixo seguir nesta iniciativa”.
Ademais Emma Álvarez pide desculpas á xente que non puido ver a representación da obra onte, domingo, porque “vímonos desbordados pola boa acollida que tivo” e anuncia que “miraremos a posibilidade de compatibilizar a todos para ver si somos capaces de facer outra representación aquí, no concello”.
Onde xa está previsto que se represente a obra titulada Cursiño antimachista do taller de memoria de Lourenzá é no concello de Alfoz, porque “pediuno Pepe Peinó, que ademais é concelleiro de Cultura en Alfoz, e todos por unanimidade entusiasmados dixeron que si sen dubidalo”, explicou a rexedora municipal de Lourenzá.